Nota de prensa
Traballadores despedidos por Grúas Vidal levan até as portas de Alcoa-San Cibrao as protestas en demanda do pago das indemnizacións pendentes
O persoal afectado debería ter cobrado xa a totalidade das contías a mediados do pasado mes de setembro
Un grupo de ex traballadores de Grúas Vidal trasladouse na mañá deste mércores até as portas de Alcoa en San Cibrao para reclamar da empresa de transportes que faga efectivo ao pagamento das cantidades aínda pendentes das indemnizacións por despedimento e as contías correspondentes as horas extraordinarias. O persoal, que levou até Alcoa as mobilizacións porque é unha das compañías para a que traballa Grúas Vidal, está a espera de percibir as totalidade das cantidades adebedadas dende o pasado mes de setembro.
Durante a protesta, os traballadores afectados recibiron o apoio dos compañeiros/as de Alcoa e mantiveron un encontro co Presidente do Comité, quen se ofreceu a trasladar á dirección de Alcoa a problemática que padecen, co obxecto de que os responsábeis da multinacional do aluminio medien para tentar resolver a situación.
O pasado mes de febreiro, explica o responsábel de Transportes da FGAMT-CIG, Xesús Pastoriza, o persoal de Grúas Vidal convocou folga ante a xeira de despedimentos que a empresa estaba a executar. Tras unha serie de negociacións, a parte social e a dirección chegaron a un acordo polo que os traballadores/as que así o desexasen se acollerían á baixa voluntaria, mais cunha indemnización de 45 días por ano traballado, en lugar dos 20 días cos que a empresa pretendía afrontar os despedimentos.
Dado o elevado da contía económica que a compañía de transportes tiña que desembolsar para o pagamento das indemnizacións (en total 13 empregados decidiron marchar da empresa), programáronse uns pagos aprazados que a empresa leva meses sen cumprir. Dende o pasado mes de xullo Grúas Vidal non ten abonado ningunha das contías pendentes, chegándose a acumular débedas cos traballadores que van dende os 8.000 até os 19.000 euros. Segundo o calendario acadado, matiza Pastoriza, a dirección debería ter abonado xa o último prazo das indemnizacións o pasado mes de setembro.
A protesta realizada este mércores en San Cibrao dá continuidade ás mobilizacións que os traballadores afectados están a realizar dende o pasado mes de setembro. De feito, o persoal xa desenvolveu concentracións diante da sede da empresa na Coruña e ás portas da refinaría de Repsol (que tamén ten contratados os servizos de Grúas Vidal). Ademais, o venres 4 de novembro, o persoal realizará unha nova concentración á entrada da Refinaría de Repsol na Coruña a partir das 10:00 horas.