Nota de prensa:
O NOVO PROXECTO MUSEÍSTICO POÑERÁ EN VALOR O MAR DE LUGO COMO UN DOS PRINCIPAIS ATRACTIVOS TURÍSTICOS E PATRIMONIAIS DA PROVINCIA
O proxecto dotará ao Museo do Mar dun novo espazo expositivo, e recuperará o patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira da comarca
O vicepresidente da Deputación comentou que “este proxecto ven a dar unha resposta, sin pechar outras portas e desde a austeridade, ás necesidades que levan manifestándose desde hai tempo”, explicou que “defendemos que por austeridade non debe entenderse o peche do grifo, e polo tanto, deixar de ofrecer servizos, senón que debe ser considerada como a procura da maneira de ofrecer os mesmos servizos con menos gasto, que é o que faremos nesta ocasión”. O novo espazo expositivo estará formado por 2 salas, 2 cuartos de baño, recepción e almacéns. Como explicou Encarna Lago, “os materiais cos que se construirá a nova estrutura serán pizarra, madeira ou cristal, procurando que pase desapercibida pero que conte con todas as facilidades en canto a accesibilidade e operatividade”. Lembrou que “este museo é un referente en canto a accesibilidade, e un verdadeiro exemplo de como desde algo pequeno se poden lograr cousas grandes”. Comentou a importancia de “reactivar os museos e facer que se poña de manifesto cada vez máis o carácter destes como intermediarios entre a sociedade e a súa historia”. A xerente da rede museística subliñou un dos obxectivos principais deste proxecto, que é “dar a coñecer ao mundo o mar de Lugo como un atractivo turístico patrimonial”.
O estudo ten a intención de integrar aos concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo, par o cal sería desexable unha coordinación operativa das labouras de investigación, buscando a colaboración das seis confrarías de pescadores nas que se agrupa o sector nesta comarca: Ribadeo-Rinlo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo. Estudaranse, en principio, temas como a historia da pesca, a construcción naval na Mariña , o patrimonio industrial, as confrarías de pescadores como institucións socio-asistenciais ou a elaboración dun arquivo de historia oral dos mariñeiros de Lugo, entre outras cousas. Destacan, por exemplo, a cetárea de Rinlo, o cargadoiro e as minas de Vilaodriz de Ribadeo, os asteleiros e as fábricas de salgazón e conserva de Foz, a pesca d bonito en Burela, caza da balea en San Cibrao, o cargadoiro de Viveiro e as minas da Silvarosa, ou os Moutillós do Vicedo.
PLANTEXAMENTO DE RECUPERACIÓN DE MEMORIA HISTÓRICA “MAR DE LUGO”
Lugo ten mar, é unha realidade obvia pero aínda ignorada por unha grande parte da sociedade. A Mariña de Lugo ten un litoral que comprende oito concellos e máis de 100 km de costa, cunha importante tradición mariñeira construída ó longo dos séculos, pero que a propia evolución económica da zona foi diluíndo no esquecemento.
O proxecto implica unha recuperación integral e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial vencellado á tradición mariñeira, sexa directamente relacionado coa propia actividade extractiva da pesca como dos oficios derivados da mesma (redeiros, cestería, cordelería, asteleiros, etc.), ó igual que as industrias de transformación, dunha intensa presencia na nosa comarca (industrias conserveiras e de salazón, aproveitamento da alga, etc.).
O Museo Provincial do Mar de San Cibrao naceu cunha vocación eminentemente didáctica, e entre os seus obxectivos como institución está a de exercer como instrumento de intermediación e transmisión entre a sociedade e o patrimonio que preserva, custodia e difunde, un medio para o intercambio recíproco de coñecemento, depositario non só de obxectos sen vida, senón da memoria histórica e das lembranzas que constitúen a identidade dun pobo.
A UNESCO establece que son as propias comunidades as que desempeñan un papel importante “na producción, a salvagarda, o mantemento e a recreación do patrimonio cultural inmaterial, contribuíndo con isto a enriquecer a diversidade cultural e a creatividade humana”.
Asimesmo, establece que “o patrimonio cultural inmaterial está integrado polos usos, representacións, coñecementos e técnicas -xunto cos instrumentos, obxectos, artefactos e espacios culturais que lle son inherentes- que as comunidades, os grupos e nalgúns casos os individuos recoñezan como parte integrante do seu patrimonio cultural”. “Este patrimonio cultural inmaterial, transmítese de xeneración en xeneración, sendo recreado constantemente polas comunidades en función do seu entorno, a súa interacción coa natureza e a súa historia, infundíndolles un sentimento de identidade e continuidade e contribuíndo así a promover o respecto da diversidade cultural e a creatividade humana”.
Este proxecto vai encamiñado á salvagarda, conservación e difusión do enorme patrimonio que os nosos maiores gardan nas súas memorias e na bagaxe das súas vidas. Seguindo coas definicións da UNESCO, entendemos por salvagarda “as medidas encamiñadas a garantir a viabilidade do patrimonio cultural inmaterial, comprendidas na identificación, documentación, investigación, preservación, protección, promoción, valorización, transmisión –a través da ensinanza formal e non formal- e a revitalización deste patrimonio nos seus distintos aspectos”. Para isto é necesario concienciar á poboación sobre a importancia que a cultura tradicional e popular ten como elemento cohesionador da propia sociedade e como factor de acercamento, intercambio e entendemento con outras culturas, porque, en definitiva, o coñecemento dos demais comeza por coñecerse a un mesmo.
O noso estudio integraría ós concellos de Ribadeo, Barreiros, Foz, Burela, Cervo, Xove, Viveiro e O Vicedo. Para establecer unha coordinación operativa das labouras de investigación, sería necesario buscar a colaboración das seis confrarías de pescadores nas que se agrupa o sector nesta comarca: Ribadeo-Rinlo, Foz, Burela, San Cibrao, Celeiro e O Vicedo.
Estableceríanse unhas liñas de investigación aplicables á comarca en xeral para establecer unhas pautas comúns no noso patrimonio marítimo pesqueiro, e afondaríase particularmente naqueles que fosen puntualmente relevantes en cada un dos concellos mencionados.
Así pois, como temas xerais a compilar habería que tratar a historia da pesca (evolución as artes de pesca, especies tradicionais, etc.); a construcción naval na Mariña e tipoloxías de embarcacións tradicionais na comarca; patrimonio industrial vencellado ás industrias transformadoras ou directamente vencelladas ós productos do mar (portos, cargadoiros, fábricas de salgazón, fábricas de conserva, baleeiras, cetáreas, etc..); a caza da balea nos portos da Mariña desde a Idade Media (Rinlo, Foz, Nois, Burela, San Cibrao, Vicedo); as confrarías de pescadores como institucións socio-asistenciais; patrimonio subacuático na Mariña, naufraxios e outras historias; elaboración dun arquivo de historia oral dos mariñeiros de Lugo; a linguaxe do mar: o léxico mariñero da Mariña; as mulleres e o mar, o traballo feminino no mundo do mar (peixeiras, redeiras, empregadas das fábricas, mariscadoras, etc.).
Concello por concello, destacaríamos os seguintes temas:
RIBADEO:
Como principal porto de mercadorías na Idade Moderna.
O cargadoiro de Ribadeo e as minas de Vilaodriz
Asteleiros
Fábrica de transformación de algas
Cetáreas de Rinlo
Porto de saída na época da grande emigración (1880-1930)
BARREIROS:
Marisqueo
FOZ:
Asteleiros
Fábricas de salgazón e de conserva, especialmente Conservas Galbán e Industrias Dalo.
Caza da balea (Foz e Nois)
Escola Náutico Pesqueira de Foz
BURELA: contamos xa cun bo punto de partida posto que xa hai un proxecto de investigación en marcha que comezou coa constitución por parte da Confraría de Pescadores de Burela dun Arquivo Histórico da institución.
Historia da pesca do bonito (Barco Museo Reina del Carmen)
CERVO / SAN CIBRAO:
Museo Provincial do Mar.
A construcción naval en San Cibrao: as carpinterías de ribeira.
A caza da balea.
As fábricas de salgazón.
XOVE:
A factoría baleeira de Moras (Massó, posibilidade de establecer unha colaboración puntual ou permanente co Museo Massó de Bueu)
VIVEIRO / CELEIRO:
Xacemento arqueolóxico de area: vila medieva con posibles factorías salazoneiras e porto de comercial de exportación.
O cargadoiro de Viveiro e as minas da Silvarosa.
As conserveiras.
O VICEDO:
– Marisqueo
– Os Moutillós: posible emplazamento do único asentamento normando de España.
Este listado é susceptible de ser modificado, pois as investigacións acostuman a descubrirnos novos camiños que a priori nunca imaxinaríamos posibles, pero para isto cómpre empezar e facer da nosa historia e da nosa memoria unha prioridade.