Site icon Crónica3.com A Mariña

O Vista Alegre acolle o segundo e último derbi galego que depara a liga da Primeira coa visita do Cidade das Burgas

Nota de prensa

VISTA ALEGRE ACOLLE O SEGUNDO DERBI GALEGO DA PRIMEIRA, COA VISITA DO CIDADE DAS BURGAS

Vista Alegre acolle mañá o segundo e último derbi galego que depara a liga da Primeira División 2011-12, coa visita do Cidade das Burgas (18.30 horas), nun duelo no que ourensás e burelistas chegan moi igualadas loitando por poñer terra por medio da metade baixa da táboa. Será a última xornada antes da parada da competición ata o 17 de decembro polo II Torneo Mundial de Fútbol Sala Feminino, que se desenvolverá no Brasil entre o 4 e o 10 de decembro.

Tan só dous puntos separan a undécima praza laranxa (10 puntos) da das Burgas, un equipo que comezou moi ben, con dúas vitorias (La Rioja 1-4 e Valladolid 7-3) e dous empates (Orvina 3-3 e Rubi 3-3), pero que xa encadea cinco xornadas sen movemento na súa cuadrícula. “É un rival que sempre se nos deu ben” asegura unha das veteranas do vestiario do CD Burela FS Pescados Rubén, a ala-pivote Dolo, que incidiu na “importancia de facernos coa vitoria antes do parón, para poder retomar a competición engachadas á zona media-alta, con opcións de seguir escalando”.

“Seguramente non atoparemos sorpresas; o Cidade é un equipo que non variou o sistema de xogo, baseado en colgar balóns arriba. A súa baixa máis importante foi a de Vanessa, xogadora actual do Ponte Ourense” dixo Dolo, satisfeita do bo xogo que está desenvolvendo o conxunto burelista, a pesar dos marcadores esvaradíos: “O progreso con respecto á tempada pasada é evidente e así o demostramos plantándolles cara a históricos e candidatos ao título, aínda que nos falta un pouquiño. Porén, non temos ansiedade porque somos conscientes de que estamos facendo as cousas ben, tan só debemos manter esta liña e o gol chegará”.

Lucía, que tivo que retirarse da cancha madrileña a semana pasada por unha escordadura de nocello, será dúbida ata última hora na cita co derbi.

Minuto de silencio. A bomboneira gardará un minuto de silencio en memoria do recentemente falecido Jesús Rey, pai do ex-técnico do Burela FS masculino Suso Rey.

Exit mobile version