Nota de prensa
O programa Km0 inclúe esta semana rutas por Sober, Samos, Pedrafita do Cebreiro e Ribadeo
– Tres colectivos culturais, dous colexios e un grupo procedente do Centro Penitenciario de Monterroso coñecerán ou redescubrirán lugares de interese paisaxístico e monumental destes 4 concellos
– As saídas comezaron hoxe coa visita que dúas asociacións culturais procedentes dos Concellos de Baralla e Barreiros, farán ós Concellos de Sober e Samos
48 membros da Asociación Cultural “Airiños do Neira”, procedentes de Baralla, tras seren recibidos na Deputación e visitar o INLUDES, partiron cara Sober para levar a cabo unha ruta en barco polos Cañóns do Sil, tras o almorzo que se lles ofreceu nun restaurante da zona. A xornada rematou cunha visita ás Adegas Regina Viarum, onde gozaron dun agasallo, en forma de degustación dos seus caldos e de produtos gastronómicos típicos da zona.
O Concello de Samos foi o destino da Asociación Cultural “Hijos de San Miguel de Reinante”, de Barreiros, 55 integrantes desta Asociación visitaron un obradoiro no que se fabrica a famosa oleiría de Bonxe e xa pola tarde, tras dar un paseo polas ribeiras do Río Sarria, achegáronse a coñecer a Capela do Ciprés e o Mosteiro de Samos.
O mércores, 55 presos do Centro Penitenciario de Bonxe, acompañados dalgúns dos traballadores deste Centro, viaxarán ata o Concello de Pedrafita do Cebreiro. A súa ruta comezará coa visita a unha oleiría de Bonxe, tras a que partirán cara a Montaña luguesa. Xa no Concello de Pedrafita farán unha ruta de sendeirismo que os levará ata o primeiro fito do Camiño Francés e a Santa María la Real. Continuarán a súa camiñata cunha subida ata o Monte da Cruz. O mesmo día, outro grupo de 55 veciños da Asociación de San Mamede de Guntín, partirán cara a Mariña para dar un paseo en barco pola ría de Ribadeo, admirar as vistas dende o ascensor panorámico e rematar o día cun paseo polas rúas do casco histórico e unha visita ó Mosteiro das Clarisas.
O KM0 do mes de decembro comezará coas visitas que o xoves farán rapaces do CEIP da Bretoña o os do Instituto da Pinguela, de Monforte de Lemos.
Os 48 alumnos do colexio pastoricense farán unha ruta que os levará ata a costa. No Concello de Ribadeo, terán a oportunidade de dar un agradable paseo polos areais das Catedrais e o dos Castros. Despois coñecerán os traballos das cetáreas de Rinlo e rematarán o día gozando coa actividade do aeródromo de Vilaframil.
Pola súa banda, 24 rapaces do IES monfortino terán ocasión de participar nunha programación que ofrece o KM0 Xtreme: deslizarse nunha tirolina. Tamén terán tempo para aumentar os seus coñecementos sobre a historia da nosa provincia coa visita que farán ó Castro de Viladonga.