Nota de prensa
O GPPP pedirá no pleno da Deputación a anulación da sanción imposta ó Concello de Cervo
Lugo, a 26 de novembro de 2011.- O Grupo provincial do Partido Popular levará ó pleno do vindeiro martes unha moción na que insta á administración provincial a estimar o recurso de reposición interposto polo Concello de Cervo e proceda a anular a resolución pola que se lle impuxo unha sanción de 20.000 euros.
Entenden os populares que a medida da Deputación vulnera o principio de proporcionalidade e salientan que, tendo en conta a correcta actuación da administración local, posto que restituiu na estrada provincial as condicións anteriores a actuación obxecto da denuncia, a súa colaboración e a celeridade coa que actúa a pesar de non ser o responsable dos cambios que deron pe á denuncia, non resulta razoable aplicar a sanción.
O GPPP tamén presentará outra moción pola que require á administración provicial a que se comprometa a respetar o principio de autonomía local e por conseguinte a informar e facilitar toda a documentación precisa para que os concellos poidan efectuar o pertinente control das inversións que esta institución realiza nos municipios.