Site icon Crónica3.com A Mariña

O Pescados Rubén volve ao Vista Alegre para recibir o novel Manzanares FS que custodia a cuarta praza

Nota de prensa

OS BURELISTAS BUSCARÁN RESARCIRSE ANTE O NOVEL MANZANARES FS

O Pescados Rubén volve mañá a Vista Alegre (18.30 horas) na novena xornada da Segunda División para recibir o novel Manzanares FS, que custodia a cuarta praza (13 puntos). Con ánimo e confianza, os burelistas buscarán resarcirse ante os de Cidade Real da dolorosa derrota ante o líder granadino da semana pasada para avivar a apertada zona media da táboa.

Despois dun abrir e pechar de ollos, o ala-pivote Víctor Cachón terá a punto o seu potente disparo: “Estou completamente restablecido da contractura que me impediu estar en Granada; as primeiras noticias indicaban unha lesión bastante máis grave, por iso estou dobremente contento”.

Dende a novena posición e 11 puntos, o Burela FS Pescados Rubén prosegue a aventura ligueira exultante de enerxía, co firme propósito de bater a un rival que estrea a categoría cunha mestura de xogadores moi veteranos en Primeira e Segunda e que está demostrando ser moi regular; fóra da súa pista está abonado ao empate, só sucumbiu ao Oxipharma (3-1). “O de Granada só foi un partido no que se nos escaparon os tres puntos, non ten maiores repercusións; agora só pensamos en aliviarnos coa vitoria de mañá e así viaxar con máis comodidade a Melilla” explicou deste xeito Víctor Cachón o sentimento do vestiario mariñán, facendo referencia ademais á complicación da cita: “O Manzanares é un cadro experimentado que defende a morte en media pista, que ademais dispón dun xogo lento para manexar os compases do partido, aínda que tamén ten velocidade en Kiki e Juanillo. Ante isto nós debemos optar pola intensidade para que non soporten o ritmo, polas transicións rápidas e aproveitar a súa lentitude nos repregamentos”.

O andaluz quixo agradecer o apoio da bancada tanto na casa coma fóra. “Todos estamos dando o mellor de nós, coa confianza que sempre nos demostra a afección axiña adquiriremos a rutina gañadora para volver estar no play off. Para nós foi moi importante que a peña A Pataca Naranxa se desprazara a Granada; estamos moi agradecidos”.

Á baixa de Christian, que continúa a recuperación da intervención de xeonllo, para mañá súmase a ausencia de Purao, que cumprirá o partido de sanción imposto tras unha dobre amoestación no desprazamento a Albolote da semana pasada.

10ª xornada. O Burela FS Pescados Rubén adiantará a próxima cita ligueira un par de días por petición do conxunto local, o Melilla FS. O pavillón Javier Imbroda Ortiz acollerá o encontro o xoves 17, a partir das 20.00 horas

Exit mobile version