Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde do PP de Muras contratou obras por máis de 430 mil euros a duas CB a pesar de impedilo a lei, asegura o BNG

Nota de prensa

MURAS

O BNG de Muras denuncia novas irregularidade no proxecto da Aldea Etnográfica.

O goberno muncipal de Issam Alnagm contratou obras por un valor de 430.118,82 euros a duas Comunidades de Bens a pesar de impedilo a Lei de Contratos do Sector Público.

O alcalde popular Issam Alnagm Azzam non tivo ningún reparo no último pleno en afirmar a propósito das irregularidade da Aldea Etnográfica que el non tiña que “dar explicaciones” referíndose as preguntas do voceiro do BNG de Muras.

Muras, 2 de novembro de 2011. O BNG de Muras volve a denunciar unha vez máis a actitude do Sr. Issam Alnagm Azzan polo que consideran un atropelo ás mínimas normas éticas, democráticas e respecto da lei en canto á xestión e goberno dos asuntos relativos ao Concello de Muras e en particular da Aldea Etnográfica.

No último pleno celebrado este pasado mércores (26/10/2011) no Concello de Muras, un pleno cargado de moita tensión e continúas descalificacións ao voceiro do BNG , retirándolle a palabra en numerosas ocasións sen causa xustificada, foi inquerido con varias preguntas a propósito da Aldea Etnográfica, e él respondeu cun escueto “ a vosotros no tengo que daros explicaciones”.

Contratación de obras na aldea etnográfica incumprindo a Lei de Contratos da Administración Pública.

Todo esto a partires de dous escritos presentados por rexistro de entrada a tratar neste pleno e onde o voceiro do BNG denunciaba e pedía explicacións, nun deles a propósito da contratación de obras da Aldea Etnográfica por valor de 430.118,82 euros a 2 Comunidades de Bens, pasando por riba do que dí a Lei de Contratos do Sector Público e dos dictames da Junta Consultiva de Contratación Administrativa, que deixan claro que unha administración pública non pode contratar con Comunidades de Bens pois estas carecen de Personalidade Xurídica e polo tanto non teñen capacidade de contratar coa administración.

A seguinte pregunta formulada polo BNG a propósito da madeira que o Sr. Issam Alnagm Azzam tiña vendida ao Concello de Muras por valor de 50.013,92 euros . O Sr. Alcalde xa tiña vendidos os terreos para a Aldea Etnográfica (109 parcelas e 6 inmobles) este sería o maior lote das vendas ao Concello de Muras, entendemos que non ten sentido unha posterior venda da madeira a posteriori (en Xunta de Goberno coa súa presencia e voto), e sorprende cando menos que só se faga no seu caso e non nos terreos do resto dos vendedores , terreos nos cales tamén hai madeira.

Ante estas dúas cuestións formuladas dende o BNG de Muras, o Alcalde négase a declarar e reacciona dunha maneira verbalmente violenta e descualificante contra o voceiro nacionalista.

Dende o BNG xa tíñamos denunciado na semana do (14/10/2011) unha posíbel malversación de fondos públicos no proxecto da Aldea Etnográfica proxectada no lugar de Carelle en Muras, promovida polo goberno local con financiamento da Consellería de Presidencia e con cargo ao Plan de Compensación Medio Ambiental. Os nacionalistas sospeitan que poderíamos estar diante dunha utilización fraudulenta de fondos públicos a tenor do elevado das facturas presentadas a propósito das obras levadas a cabo na propia aldea, así mesmo sospeitan da legalidade das mesmas pois só se teñen presentado as certificacións do Enxeñeiro de Obra non contando con ningunha certificación por ningún representante da administración local. Agora fan pública a presenza do alcalde en votacións de órganos de xestión municipal nas que se tomaron decisións que o benefician persoalmente.

O alcalde nin sequera abandonou as sesións e o seu voto foi decisivo para venda de terreos da súa propiedade ao concello de Muras do que é alcalde para a aldea etnográfica.

Os nacionalistas denunciamos publicamente a presencia de novos datos do expedente da Aldea Etnográfica, atopándonos con feitos rexeitables e ausentes da mais mínima ética política, como “a presenza e posterior votación do propio alcalde no pleno de carácter extraordinario do 18 de novembro de 2010 onde se toma a decisión da valoración, aprobación e compra da Aldea Etnográfica, pleno no que se toman decisións que afectan ás súas propiedades particulares, isto levará na práctica á venda de propiedades e inmobles seus ao Concello de Muras do cal é alcalde por valor de 220.000 euros”. Entendemos dende o BNG, que “a súa presenza e posterior votación no pleno converte o acordo en NULO DE PLENO DEREITO”. É preciso aclarar que o BNG non formaba parte da corporación municipal xa que entrou na corporación a partir das eleccións municipais do pasado mes de maio, momento no que empeza a recompilar a documentación que agora ve a luz.

Unha semana máis tarde a través dunha Xunta de Goberno do 26 de novembro de 2010 ( apróbase coa súa presenza e voto ) “a compra a si mesmo de especies arbóreas de carácter comercial” por valor de 50.013,92 euros,” a propósito desta madeira mercouna o Concello de Muras e non se sabe o seu destino. Seguimos a entender o mesmo que no anterior pleno, que a súa presenza e votación no mesmo por ser parte interesada, convérteo en NULO DE PLENO DEREITO, por ter interés manifesto no asunto.

Polo cal o BNG xa ten denunciado no inicio do proxecto da Aldea Etnográfica que o alcalde Issam Alnagm Azzam se tiña beneficiado directamente da subvención para a creación da Aldea Etnográfica no lugar de Carelle pertencente á parroquia do Burgo, promovida polo propio Concello e financiada co Fondo de Compensación Ambiental pola instalación de parques eólicos no seu Concello.

O BNG de Muras denuncia unha vez máis a impunidade absoluta coa que actúa o alcalde do Partido Popular en todo o que rodea o tema da Aldea Etnográfica, o despilfarro e malversación que fai do diñeiro público, primando unicamente os seus intereses persoais no que é a xestión da “COUSA PÚBLICA”.

Ante todos estes feitos, os nacionalistas consideran unha vergoña e moita cara dura o discurso do Partido Popular, que fala de pulcritude e boa xestión do diñeiro público pero que na persoa do Sr. Issam Alnagm Azzam non ten ningún reflexo, nin toma medida algunha cun alcalde que mestura os intereses públicos e privados con total naturalidade.

Exit mobile version