Nota de prensa
DALLE A VOLTA AO NADAL, ASÍ SE DENOMINA A CAMPAÑA DE RECOLLIDA DE XOGUETES QUE PON EN MARCHA O CONCELLO DE RIBADEO E QUE ARRANCA O VINDEIRO LUNS, 28 DE NOVEMBRO.
Ribadeo, 25 de novembro de 2011. Dalle a volta ao nadal, así se denomina a campaña de recollida de xoguetes que pon en marcha o Concello de Ribadeo coa colaboración do ciclo superior de educación infantil do IES Gamallo Fierros e que arranca o vindeiro luns, 28 de novembro.
Na súa presentación este mediodía no salón de plenos de Concello a edil de Saúde e Servizos Sociais, Teresa González Piñeiroa, contou que “a campaña organízase dun xeito transversal porque aínda que o motor é a área de Saúde e Servizos Sociais está coordinada con Educación, Cultura e Mocidade. E contamos coa colaboración do ciclo superior de educación infantil do IES Dionisio Gamallo Fierros”. A concelleira nacionalista explicou que “a idea xurdiu pola proximidade das datas do nadal, onde todos os nenos agardan con ilusión seren agasallados e tamén tendo en conta a actual situación social e económica que estamos a atravesar. Tiñamos claro que non queriamos levar adiante esta campaña desde a perspectiva da caridade, senón tendo en conta o factor educativo e formativo, por isa razón a facemos en colaboración co ciclo superior de educación infantil do IES Gamallo Fierros”.
González Piñeiroa dixo que “haberá obradoiros en todos os centros de ensino de Ribadeo, no Sagrado Corazón, no Gregorio Sanz, no Porta da Auga, no Centro Integrado de Formación Profesional e no IES Gamallo Fierros. Serán do 28 de novembro ao 2 de decembro e tentarán comunicar contidos como a solidaridade, a reciclaxe e sobre todo a que os nenos se poñan no lugar dos demáis, e que aprendan a necesidade de desprenderse de cousas que eles queren”. A responsable de Saúde e Servizos Sociais subliñou que “o que pretendemos e que eles, os nenos, entreguen os xoguetes que a eles lles gustaría recibir, que non se aproveite esta iniciativa para desfacerse de todo o que nos sobra na casa. Queremos que se pense no neno que vai recibir eses xoguetes, que deberán estar en bó estado”. Ao tempo que se celebren os obradoiros entregaránse uns folletos con consellos para ter en conta á hora de entregar eses xoguetes, que terán como destinatarios a nenos de 0 a 16 anos.
Teresa Gonzaléz indicou que “os xoguetes poderánse entregar en todos os centros de ensino e nos servizos sociais no auditorio municipal do 28 de novembro e ata o 21 de decembro. Recolleránse con certa periodicidade, despois o persoal deste departamento catalogaraos por idades e finalmente como aquí temos unha base de datos de familias potencialmente interesadas en recibir estes xoguetes, poñerémonos en contacto con elas para que se acheguen ao almacén que habilitaremos a elexir alí tamén os xoguetes que queren para os seus fillos, ao igual que facemos cando imos a unha tenda”. A concelleira fixo “unha chamada ao resto da veciñanza de Ribadeo porque hai xente que nós non temos na nosa base de datos e que poden estar interesados en recibir estes xoguetes. Si ao mellor temos máis oferta que demanda de xoguetes contactaremos con diversas oenegés para darlles saída a fora de Ribadeo”.
O eslogan da campaña é Porque xogar é un dereito non un privilexio, agasalla xoguetes, agasalla ilusión. Teresa González Piñeiroa agradeceu a colaboración da responsable do ciclo superior de educación infantil do IES Gamallo Fierros e a todo o alumnado “porque nos seus blogues e nas redes sociais involucráronse moito con esta campaña. Tamén lle agradecemos a súa participación a todos os centros de ensino de Ribadeo, que sempre son receptivos ao que lles plantexamos”.