Nota de prensa
“OS DEPUTADOS DO BNG SERÁN A VOZ DA MARIÑA, NON DE MERKEL E SARKOZY” afirma Veiga.
O BNG TÓMALLE A PALABRA AO PP E CONVÍDAO A QUE COMECE XA A TRABALLAR POLA APERTURA DO DIQUE NORTE.
O Bloque Nacionalista Galego compareceu na xornada de hoxe para facer unha valoración da xornada electoral de onte e dos resultados electorais na comarca da Mariña con especial relevo ao cómputo referido á formación nacionalista.
Nas súas primeiras palabras o portavoz comarcal Antonio Veiga quixo ter “un recoñecemento para todos os militantes e simpatizantes que ao longo destes últimos quince días fixeron posible que a mensaxe nacionalista chegase aos concellos da nosa comarca, así como aquelas outras persoas que na xornada de onte, ben como interventores, ben como apoderados contribuiron a un normal desenvolvemento da xornada. Outra vez máis evidenciase que o mellor capital político co que conta o nacionalismo son os seus homes e mulleres e por iso queremos ter unha primeira lembranza para eles. Do mesmo xeito queremos trasladar o noso agradecemento a todas aquelas persoas que volveron a depositar a súa confianza no BNG e queremos asegurarlles desde agora mesmo que non imos defraudalos”.
O portavoz comarcal do BNG, quen indicou que unha análise demorada dos resultados lle corresponde aos orgaos de dirección da organización, orgaos que se reunirán ao longo desta semana, non quixo deixar pasar a oportunidade para destacar que “ o obxectivo central que nos tiñamos marcado os nacionalistas, que era manter unha voz galega en Madrid, está conseguido. Certo é que gostaríamos de que esta fose mais ampla pero tamén estamos na certeza de que esta voz será a mais eficaz e a máis útil para Galiza e para o conxunto das maiorías sociais. Pola nosa boca non vai falar nin Merkel nin Sarkozy, pois a nosa boca é para dar voz a todo aquelo que se recollía na nosa proposta programática, unha proposta nas antípodas do PP e do PSOE, e de xeito moi particular para dar voz ás problemáticas concretas da comarca da Mariña”.
“Tómolle a palabra a Mariano Rajoy que afirmaba que comenzaría a gobernar desde o 21 de novembro” afirmou Veiga, para demandar de seguido que “non podemos agardar mais demoras na posta en funcionamento do Dique Norte do Porto de Alcoa, cuestión recollida no programa das forzas políticas que acadaron representación por Galiza no Congreso. Estamos agardando desde 2008 a que se efectivice o acordo unánime do Congreso dos Deputados neste sentido. Que teña claro tamén o Partido popular e a sociedade da Mariña que cando falamos da apertura do Dique Norte estamos a falar da creación de 400 postos de traballo. Non imos consentir que sexa Galiza e a Mariña así como as súas clases traballadoras, as paganas dunha crise económica provocada precisamente polas mesmas políticas que hoxe propón como receita o Partido Popular. E que saiban tamén os veciños e as veciñas da comarca que non só esta vai estar representada en Madrid polos deputados nacionalistas senón que estes deputados van ser a caixa de resonancia de todas e cada unha das reivindicacións que xurdan da sociedade mariñán”.