Nota de prensa
MARÍA XOSÉ VEGA DEFENDE O VOTO AO BNG COMO “GARANTÍA DE QUE EN MADRID VAN TER QUE ESCOITAR AS DEMANDAS DOS GALEGOS”
A candidata do BNG por Lugo participou nun mitin en Burela, onde se recordaron as numerosas iniciativas nacionalistas nas Cortes para favorecer á comarca da Mariña
Burela, 13 Novembro 11.- A candidata do BNG pola provincia de Lugo, María Xosé Vega, participou nun mitin en Burela, onde lembrou que “o único voto útil é ao BNG”. “A nosa presenza en Madrid coincidiu coa mellora dos investimetos do goberno central en Galiza e non se trata dunha casualidade, a nosa presión serve para non poidan despreocuparse deste país como fixeron tantas veces”, engadiu. “O noso traballo seguirá nesa liña, co fin de garantir dereitos sociais, investimentos e unha alternativa á crise á que nos levaron os poderes financeiros, somos a garantía de que van ter que escoitar as nosas demandas”, engadiu.
Pola súa parte, Manuel Parga insistiu na “utilidade” do BNG para A Mariña “tal e como sabe todo o mundo na comarca”. “Agora que o PP quere anotarse tantos que realmente son nosos e ante a realidade de que veñan con recortes masivos é necesario votar de forma masiva ao nacionalismo galego para non só manter os investimentos polos que pulamos nas Cortes senón tamén para conseguir máis, como os enlaces co porto de Alcoa, construír a autovía Barreiros-San Cibrao e incluír este porto na rede europea de transportes. Só o BNG traballará por isto en Madrid, como xa fixo con bos resultados nos últimos anos” dixo.