Nota de prensa
Fraga advirte que a crise situou ao Estado Español a cabeza da desigualdade en Europa.
A CIG solicita o voto para as forzas nacionalistas de esquerda.
O BNG e a CIG coinciden en que o 20 N é o momento de votar para anular a reforma laboral e das pensións.
Os responsábeis da CIG e do BNG coincidiron na análise das causas da crise actual e que a solución para a mesma pasa por poñer en marcha políticas diametralmente opostas as que se veñen aplicando. Xorxe Caldeiro, Secretario da Unión Local da CIG da Mariña, lembrou que “a CIG para este proceso electoral solicita o voto para as alternativas nacionalistas de esquerda. É hora de darlle o noso apoio a aquelas alternativas políticas que defenderon as nosas propostas no Congreso, os que andiveron canda nos na oposición a reforma laboral, os que estiveron na loita contra a suba da idade de xubilación. Pero tamén de parar as políticas que desde 2008 ate hoxe provocaron que as desigualdades sociais están aumentando a pasos axigantados ate o punto de que o estado español é o segundo estado da UE, solo por baixo de Lituania, no que a diferenza social e máis elevada. A mesma forza que demostramos os traballadores da Mariña nas dúas folgas xerais celebradas temos que convertela, en votos para derogar as decisións e as políticas que a provocaron”
O Candidato Nacionalista, Bernardo Fraga, lembrou que “o PSOE, coa abstención do PP, levou ao congreso a ampliación da idade de xubilacións ata os 67 anos e unha reforma laboral que o único que conseguiu foi abaratar o despido o por conseguinte situarnos nos 5 millóns de desempregados nos que estamos hoxe no Estado.. E mentres tanto o BNG expresou a súa oposición á mesma porque para o BNG a prioridade en materia de política económica non é cumprir con iso que chaman os mercados senón crear emprego e malamente se pode crear emprego cunha reforma do sistema de pensións e do mercado de traballo que o único que fai é facilitarlle ao empresario liberarse da carga de persoa. Fan falta unhas novas políticas para que a crise non sexa unha coartada para aumentar as desigualdades entre as persoas, para aumentar as desigualdades entre os territorios, e esas novas políticas non hai que inventalas, esas novas políticas non son nin máis nin menos que as políticas que o BNG defendeu no congreso dos deputados, no parlamento de Galiza, nos concellos.”.
Fraga tras repasar a situación económica que vive a Comarca concluíu afirmando que “ a situación que viven as nosas empresas e o conxunto dos sectores produtivos da comarca e de xeito moi particular as altas taxas de paro que se dan na mesma, efecto que se agrava se atendemos a alta taxa de poboación inactiva, obríganos a converter estas eleccións nunha masiva protesta contra os responsábeis da crise pero tamén nun berro de esperanza para poñer en marcha alternativas que permitan recuperar emprego e reactivar a actividade económica. Non é de recibo que as empresas poidan prescindir dos traballadores coa lixeireza coa que están facendo nesta comarca, algo que é posíbel pola reforma laboral que aprobaron populares e socialistas, unha reforma laboral que agora se demostra que tiña o único obxectivo de converter os traballadores en mercadoría barata. É un autentico escándalo o ERE de de Muebles Hermida polo que esiximos da Xunta de Galiza que non aprobe o mesmo se non garante alternativas laborais para os traballadores afectados.O Partido Popular ten que decidir se está disposto a mandar a rúa a 94 traballadores deste centro de traballo ”.
Xa por último o candidato do BNG demandou “ a anulación da reforma laboral aprobada por populares e socialistas, posto que tras cada parado hai un drama persoal así como unha modificación da actual lei concursal. Os procedementos concursais abertos na comarca evidencian que é necesario modificar unha norma que deixa na indefensión aos traballadores e aos pequenos acreedores. Tras unha empresa que presenta concurso de acredores, hai un monto importante de Pemes ou autónomos que quedan nunha situación de quebra práctica polo que se debe garantir os dereitos deste fronte aos da banca. E máis como xa estivemos vendo nos últimos anos e como vamos ver nos próximos meses son centos os autónomos que quedan co posto ou Pemes que se ven obrigados a fechar pola situación de ausencia de liquidez que están a xerar estes concursos de acredores”.