Nota de prensa
O BNG DENUNCIA QUE O PREZO DA AXUDA NO FOGAR EN BARREIROS INCREMÉNTASE PARA TAPAR OS RECORTES DA XUNTA DE GALIZA. OS NACIONALISTAS ADVIRTEN QUE SE DUPLICA A CANTIDADE QUE OS USUARIOS DEBEN PAGAR POR UNHA HORA DESTE SERVIZO E QUE SUBE TAMÉN A PORCENTAXE DE COPAGAMENTO.
Barreiros, 29 de novembro de 2011. Na sesión plenaria celebrada na tarde de onte en Barreiros, o BNG mostrouse contrario á suba dos prezos do servizo de axuda no domicilio que presta a entidade municipal ás veciñas e veciños do concello. A modificación da ordenanza e do regulamento presentada pola Alcaldía supón o incremento do prezo da hora que pasa de 6,02 euros a 12 euros. Ademais, presentouse unha redución dos tramos para o copagamento en función da renda, supoñendo que haberá persoas que cunha renda igual ao salario mínimo pase de pagar un 10% do servizo ao 20%.
O Bloque Nacionalista Galego posicionóuse en contra desta suba do servizo de axuda no fogar, “por considerar que non se pode cargar o seu custe nas usuarias e usuarios, sobre todo tendo en conta as pensións que perciben as xubiladas e xubilados do noso concello. O que non pode ser é que se venda que este servizo é máis económico que se o tiveran que custear de xeito privado, xa que se supón que se trata dun servizo público que xa está pagado polas e polos barreirenses por medio dos seus impostos. Unha vez máis, fálase tamén de copago neste servizo, cando en realidade se debería falar de repago”.
O BNG considera que “o incremento do prezo deste servizo é unha reacción do goberno municipal ao recorte efectuado polo goberno do Partido Popular na Xunta de Galiza que, unha vez máis, demostra que a prestación dos servizos sociais non é unha prioridade para eles. O que está a facer o Partido Popular é cargar o peso dos custes destes servizos nas usuarias e usuarios, baixo a desculpa da austeridade e da crise namentras se despilfarra o diñeiro público noutros temas. O silencio da Alcaldía cando se coñeceron os recortes da Xunta tradúcese agora nun incremento do custe para as usuarias e os usuarios”.
Violencia de xénero
Na sesión plenaria de onte tamén se tratou unha moción presentada polo BNG relativa ás políticas de prevención e tratamento da violencia de xénero. Ana Ermida, a portavoz nacionalista no Concello de Barreiros, sinalou que “na moción debatida, que foi aprobada por unanimidade, ínstase á Xunta de Galiza a que impulse a posta en funcionamento das obrigas impostas pola Lei 11/2007 que están pendentes de desenvolvemento; en concreto, a creación do Observatorio Galego da Violencia de Xénero e a posta en marcha do Centro de Recuperación Integral. Tamén se acordou instar tanto á Xunta de Galiza como á Deputación Provincial a que faga unha planificación para a realización de campañas periódicas de sensibilización contra a violencia de xénero, que se realice a formación das e dos profesionais implicados na atención e tratamento das vítimas, e que garanta o dereito á atención psicolóxica no ámbito sanitario público cuestión tamén recollida na lei”.