Site icon Crónica3.com A Mariña

O alcalde de Burela advirte que os trámites administrativos da unidade de Torrentes prolongaranse meses

Nota de prensa

A UNIDADE DE ACTUACIÓN DE TORRENTES QUEDARÁ REMATADA EN NOVEMBRO. GONZÁLEZ BARCIA LEMBRA QUE AS OBRAS ACUMULAN UN RETRASO DE TRES ANOS E ADVIRTE QUE OS TRÁMITES ADMINISTRATIVOS PROLONGARÁNSE ALGÚNS MESES MÁIS.

Burela, 3 de novembro de 2011. As obras da unidade de actuación de Torrentes quedarán rematadas durante o presente mes de novembro, segundo avanzou o alcalde burelés, José María González Barcia.

O rexedor indicou que “se están levando a cabo as últimas actuacións de aglomerado das rúas, e adecuación da zona verde, ademais de proceder ao adecentamento dos accesos desde a unidade de actuación á rúa Pascual Veiga”.

González Barcia tamén manifestou que as obras levan un retraso de algo máis de tres anos, “resulta curioso, as obras de urbanización adxudicáronse sendo eu alcalde en abril de 2007, e tiñan un prazo de execución dun ano; tres anos e medio despois, aínda están as obras sen rematar, pero agora é cuestión de semanas. Durante catro anos éste era o ritmo de traballo que había no goberno municipal”.

En cambio, o alcalde advirte que os trámites administrativos vanse prolongar algo máis, “temos claro cal é o procedemento de cara ao rexistro, entre outros trámites, pero hai cuestións, como a conta de liquidación e outras, que van ir máis lentas, polo que o peche administrativo da unidade de actuación vai retrasarse uns meses”.

José María González Barcia, a pesares da situación económica actual, ve o futuro de Torrentes con optimismo, “é a zona natural de expansión de Burela, pode considerarse como unha reedición en pequeno da urbanización das Calles Novas, criticada cando se comezou, pero que xa se ve co paso dos anos o que deu de si. Con Torrentes estou seguro de que ocorrerá o mesmo”.

Exit mobile version