Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG explicou que o emprego con dereitos e a receita para saír da crise, nunha xuntanza en Burela con mozos e mozas en situación de desemprego

Nota de prensa

O BNG REUNIUSE HOXE EN BURELA CON MOZOS DESEMPREGADOS DA MARIÑA

Os nacionalistas fan do emprego con dereitos a receita para saír da crise

Burela, 11 de novembro de 2011. O BNG mantivo na tarde de hoxe unha xuntanza con mozos e mozas en situación de desemprego no Mesón O Poeta de Burela coa finalidade dar a coñecer as propostas que os nacionalistas formulan para a creación de emprego así como recoller deste colectivo que na Mariña se achega a preto do 40% da persoas comprendidas entre os 16 e os 30 anos. Na xuntanza, na que participaron preto de 20 mozos e mozas desempregadas estiveron presentes os candidatos nacionalistas da Comarca.

Segundo indicou Federico Gutiérrez Estoa “as taxas de desemprego xuvenil que rexistra a comarca da Mariña e o conxunto do País non son máis que a proba do algodón do fracaso das políticas do goberno do Estado e da Xunta de Galiza, ou aínda máis claro, do PPSOE, esa grande coalición que vén gobernando o Estado de maneira moi clara nos últimos dous anos. Porque o desemprego é a evidencia de que a reforma laboral non era máis que a escusa para destruír emprego gratis, porque o desemprego é o exemplo de que apostar pola actividade económica non é unha prioridade para quen nos goberna, porque o desemprego, en definitiva, é a constatación de que un cambio das políticas é necesario”.

Ana Ermida, militante de Galiza Nova e candidata ao Senado, lembrou “que tras cada desempregado atópase un auténtico drama persoal, como puidemos comprobar na xornada de hoxe falando cos mozos e mozas que nos acompañaron no acto. Uns mozos e mozas, na maioría dos casos, cunha alta cualificación académica e profesional, con só dous destinos posíbeis: a lista do INEM ou o camiño da emigración. Se até fai 4 ou 5 anos a comarca estaba recibindo emigrantes doutros territorios do Estado e do mundo, son hoxe os mozos e mozas da Mariña quen se ven obrigados a facer as maletas”.

Os nacionalistas comprometeron un plan de emprego para o conxunto da poboación e de xeito moi particular, para a mocidade. “A nosa prioridade é a creación de emprego e a iso temos que dirixir os nosos esforzos. Sen emprego non hai posibilidade de recuperación económica, pero non nos vale un emprego calquera, ten que ser un emprego con dereitos laborais e salariais. É fundamental garantir un aumento do poder adquisitivo por parte do conxunto dos traballadores, e de xeito moi particular, pola mocidade, posto que sen poder adquisitivo non hai consumo e sen consumo non hai reactivación económica. Poderán, en definitiva, contar non nós para todas aquelas políticas que representen emprego con dereitos e salarios dignos”.

Exit mobile version