Non chega cun día no calendario
Estes días son moitas as manifestacións e actos celebrados en torno ao 25 de Novembro, data sinalada no calendario, pero, contra a violencia machista, non chega cunha concentración despois de que morra unha muller ou cun lazo morado na solapa un día ao ano.
A violencia de xénero, levouse por diante a vida de 54 mulleres en España que morreron das mans das súas parellas.
Homes e mulleres debemos mirarnos aos ollos de igual, a igual, non nos debemos enganar, si nos discriminan, ignoran, someten ou subordinan, estannos maltratando. 400.0000 mulleres sofren malos tratos en España, non só é violencia de xénero o maltrato físico, miles de mulleres sofren malos tratos psicolóxicos, económicos, estructurais, sociais e mesmo sexuais por parte das súas parellas.
Ser vítima non é cuestión do nivel cultural nin socioeconómico, a violencia de xénero pode estar detrás de calquera parella. É moi importante a concienciación social para deter, prever e frear esta lacra.
Hai mulleres que piden axuda coa mirada. As administracións públicas, a sociedade e a familia, temos que estar preparados para detectar estes casos e ser capaces de mostrar ás propias vítimas o apoio necesario para poder poñer freo a estas situacións e denunciar aos agresores, por que o certo é que, despois de seis anos da entrada en vigor da Lei Integral contra a Violencia de Xénero, mantense a problema da falta de denuncia que impide amparar as vítimas.
Que o home exerza sobre a muller o control da súa propia forma de ser, de vestir ou de pensar, que se lle restrinxan as súas accións ou as súas amizades, son indicios de que algo anda mal, non o fai por que a queira máis, é unha forma de exercer o control e a supremacía machista.
Dende a familia e a escola debese educar en igualdade, forma parte da aprendizaxe social das persoas. Hai que traballar na prevención de actitudes sexistas e discriminatorias dende as idades máis temperás.
Ao meu parecer, educar en igualdade e denunciar ao agresor, son os dous puntais a hora de frear a violencia de xénero. A miña máis forte repulsa para os agresores e todo o meu apoio para as vítimas da violencia de xénero e as súas familias.
María Emma Alvarez Chao
Deputada Autonómica e Concelleira de Asuntos Sociais de Lourenzá