Site icon Crónica3.com A Mariña

Musiquenado presentou en Ribadeo o libro “Vou canso de todo menos da música” de Hernán Naval

Nota de prensa

ANTONIO VEIGA PARTICIPOU EN RIBADEO NA PRESENTACIÓN DO LIBRO COA ESCOLMA DE ARTIGOS DE HERNÁN NAVAL

Veiga cualificou a Hernán Naval como “un dos referentes musicais e culturais dos 90 na comarca da Mariña e tamén de Galiza” e reivindicou “a súa faceta política, da que moito temos que aprender”

O libro “Vou canso de todo menos da música-Escolma de artigos de Hernán Naval” editado pola asociación cultural Musiqueando coa colaboración da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo e máis da área de Cultura da Deputación

Ribadeo, 12 de novembro de 2011. O vicepresidente da Deputación de Lugo, o nacionalista Antonio Veiga, xunto á responsábel da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo, Mariluz Álvarez Lastra, e o director da asociación cultural Musiqueando, Suso López, presentaron esta mañá nas dependencias da Escola de Música de Ribadeo na Casa do Mar, ateigado de veciños e veciñas, o libro “Vou canso de todo menos da música-Escolma de artigos de Hernán Naval” editado pola asociación cultural Musiqueando coa colaboración da delegación de Cultura do Concello de Ribadeo e máis da área de Cultura da Deputación de Lugo.

O vicepresidente da Deputación, Antonio Veiga, destacou que “para a xente de Ribadeo e da Mariña pódese definir como un dos referentes músico-culturais dos anos 90 na comarca e, penso, tamén en Galiza. Era un músico, pero a súa faceta intelectual tamén abarcaba ámbitos da cultura, da política”. “El impregnaba todos os seus traballos de eses compoñentes que estaban arredor da música e trataba de que a través da banda se contribuíse a xerar un pouso cultural, político, filosófico da xente que estaba canda el. E tamén puxo en marcha a escola municipal de música de Ribadeo, sendo un referente a seguir en toda Galiza”.

Veiga destacou que “dez anos despois do seu pasamento, cando algúns din que estes son «malos tempos para a lírica» outros pensamos, algo que tamén aprendemos do mestre: que sempre nos vai quedar a música e a cultura para facerlle fronte á barbarie dos que nos queren silenciar transformándonos en mercadoría á que se lle pode poñer prezo”. Antonio Veiga quixo tamén agradecer o traballo feito por Musiqueando para levar a cabo a edición deste libro, que a tanta xente implicou, e instou ás persoas que forman o colectivo a que “non cesen no empeño de manter viva a figura de Hernán Naval e difundir o seu legado musical e cultural”.

No libro, editado co gallo do décimo aniversario do pasamento do que fora director da Banda Municipal de Ribadeo (BMR) e máis da Escola Municipal de Música e Danza (EMMeD) da vila, recóllense once artigos publicados en prensa e revistas e máis catro programas de man de diferentes concertos da BMR. O obxectivo da edición deste volume é, segundo sinala o presidente de Musiqueando, Suso López, “manter viva a figura e máis o ideario de Hernán e demostrar a vixencia do seu xeito de pensar e de entender o mundo da música, da cultura ou da sociedade”. O punto de partida para a edición deste libro é un traballo de recopilación e clasificación de artigos e reseñas en prensa relativas á figura de Hernán e máis á EMMeD ou a BMR que realizou ao longo de case dous anos Fernando Rodríguez Raño (Fuji). Os textos escollidos foron publicados entre os anos 1990 e 2001 en medios locais (La Comarca del Eo, La Voz de Galicia-A Mariña e El Progreso-A Mariña) así como en publicacións doutro tipo como a revista da Federación Galega de Bandas de Música ou a revista do actual IES Dionisio Gamallo Fierros coa que Hernán Naval colaborou en 1991. “Os artigos figuran no libro tal e como Hernán os escribiu, tan só foron revisados lingüisticamente e se engadiron unha serie de notas a pé de páxina que consideramos oportunas co fin de aclarar conceptos e para facer comprensíbeis a pesar do paso dos anos algún dos textos”, sinala Suso López.

No proceso de selección dos textos, de corrección, así como de maquetación e deseño participaron de xeito desinteresado unha serie de persoas que tiveron relación con Hernán Naval, tanto a nivel musical coma persoal, en diferentes etapas. Sairán do prelo un total de mil copias do libro que se distribuirán de xeito gratuíto e que serán enviados a conservatorios, escolas de música e bandas do país.

Exit mobile version