Nota de prensa
ABRIU AS SÚAS PORTAS NA BIBLIOTECA PÚBLICA MUNICIPAL A EXPOSICIÓN ENTORNO E LEMBRANZAS. TRÁTASE DUNHA RECOPILACIÓN DE FOTOS ANTIGAS DAS XENTES, DAS SÚAS VIVENCIAS E DO ENTORNO DE BARREIROS.
Barreiros, 21 de novembro de 2011. Abriu as súas portas na biblioteca pública municipal de Barreiros a exposición Entorno e lembranzas. Trátase dunha recopilación de fotografías antigas das xentes, das súas vivencias e do entorno de Barreiros. A exposición poderáse visitar ata o vindeiro 30 de decembro.
A concelleira de Cultura, Adela Rodríguez, sinalou que “seguindo coas actividades que se veñen realizando desde a biblioteca pública municipal queremos aumentar esas propostas facendo unha serie de exposicións. Empezamos cunha exposición fotográfica denominada Entorno é lembranzas, coa que queremos que a xente recorde cómo eran os veciños de antes, as actividades que realizaban, o entorno e todo o que se veu facendo ao longo dos últimos anos desde a biblioteca e desde o Concello”.
A edil popular convida “a toda a xente a que se achegue a disfrutar desta exposición pola biblioteca porque lles vai gustar, alí verán aos que hai uns anos eran uns nenos que facían o nacimento ou participaban nos xogos que organizaba María Xosé e hoxe son mozos e homes e seguro que lles gustará ver esas fotografías que eles non teñen. Está nun espacio moi acolledor e seguro que lles encantará”.
O Concello quere seguir facendo máis exposicións deste tipo, “tamén queremos que as persoas interesadas traigan as fotografías que teñan do pasado para mostrar o noso concello e a súa vida nel. Esa xente pode pasarse pola biblioteca, queremos que esas fotos gardadas salgan a relucir para poder comparar o antes e o agora, as mallas, as festas, os xogos… e así coñecer e ver as diferencias deses lugares de antes cos de agora”.
O horario de visita de Entorno e lembranzas é de 10 a 14 e de 17:30 a 19:30 horas.