Nota de prensa:
MAÑÁ PRESÉNTASE EN CLAVE DE MULLER AO PÚBLICO RIBADENSE. O ACTO ENMÁRCASE NOS ACTOS PROGRAMADOS CO GALLO DO DÍA INTERNACIONAL CONTRA A VIOLENCIA DE XÉNERO.
Ribadeo, 21 de novembro de 2011. A Escola Municipal de Música e Danza de Ribadeo e máis o CIM puxeron en marcha un novo concepto de concerto didáctico a través do cal se procura a visibilización das mulleres compositoras. Segundo explican “ao longo da historia da música, acontece o memos noutras artes, a muller quedou relegada a un segundo plano polo protagonismo masculino. Malia todo, son moitos os nomes de muller que se poden atopar tanto nos arquivos musicais galegos coma estatais ou internacionais. Con este proxecto o que se quere é dar a coñecer eses nomes e máis a súa música, facelos visibles aos alumnos e alumnas da EMMeD de Ribadeo, ao alumnado dos centros educativos e ao público en xeral. Ao mesmo tempo que se outorga o merecido recoñecemento ao papel da muller na música vánse danto pasos cara adiante nunha educación que recoñece a igualdade real e efectiva entre mulleres e homes”.
Desde o CIM lembran que “no mes de xuño realizouse o concerto didáctico dirixido ao estudantado de 5º e 6º de primaria dos centros educativos de Barreiros, Lourenzá e Ribadeo. E agora seguimos coa difusión do proxecto desta volta presentándoo aos cursos de 1º e 2º da ESO dos centros de Ribadeo nunha sesión que se desenvolverá mañá martes, 22 de novembro, ás 12 da mañá no auditorio municipal. E pola tarde, ás 20.00h a sesión será aberta ao público en xeral. Seguindo a máxima do finado director da Escola de Música e da Banda Hernán Naval, a música será para todas e todos queremos dar a coñecer á cidadanía as mulleres compositoras”.