O pasado sábado día 12 de novembro celebrouse no Restaurante O Asador, na Cruz do Lobo, unha xuntanza de catro xeracións de Pichuchos que acudiron á cita desde diferentes concellos da Mariña e, incluso, desde a veciña Asturias. As redes sociais, manexadas pola xente nova desta coñecida familia orixinaria da Venta (Cervo), lograron congregar a estas setenta e tres persoas co obxecto de homenaxear os máis vellos do clan (Charo, Socorro e Gilberto López Pita) e facer que os máis novos se coñezan.
Os membros de toda esta “Pichuchada” reunida grazas ao Facebook teñen a súa orixe en Manuel López e Regina Pita, primos carnais e alcumados Pichuchos os dous, que tiveron doce fillos (cinco mulleres e sete homes) dos que descenden todos os que se xuntaron a pasada fin de semana. Ata catro xeracións distintas gozaron do convite, que non deixou a ninguén indiferente e no que tamén participou o Pichucho máis pequeno, Xabi López Díaz, con só dous meses de vida. Estes tataranetos, bisnetos, netos e fillos de Manuel e Regina lembraron anécdotas e compartiron fotografías de tempos pasados.