Site icon Crónica3.com A Mariña

Burela acolleu a presentación da Fundación Imdecum, Impulso ó Deporte, Cultura e Turismo na Mariña

Nota de prensa

A FUNDACIÓN IMPULSO Ó DEPORTE, CULTURA E TURISMO NA MARIÑA  PRESÉNTASE EN SOCIEDADE

Venres, 25 de novembro. O auditorio municipal de Burela acolleu esta mañá a presentación da Fundación Imdecum, Impulso ó Deporte, Cultura e Turismo na Mariña, que se deu a coñecer en sociedade apadriñada polo vicepresidente primeiro da Deputación de Lugo, Antonio Veiga; o xefe de servizos de Deporte da Xunta de Galicia en Lugo, José Manuel Rozas; o deputado provincial José Ramón Val Alonso; e o alcalde de Burela, José María González Barcia. O presidente de Imdecum, Marcelino Luna Almarza, tamén estivo acompañado no acto polo presidente da Liga Nacional de Fútbol Sala, Javier Lozano; o seleccionador nacional Venancio López e o vicepresidente da Federación Galega de Fútbol, Plácido Díaz.

Antonio Veiga felicitou a innovadora idea da Fundación Imdecum, “nun día que representa o piar do estado do benestar, que reclama a igualdade de xénero, un principio do que o deporte mariñán é unha fiel referencia“. “Entre todas as institucións debemos unir esforzos para facer realidade unha comarca única en deporte, cultura e turismo onde todos os concellos mariñáns se vexan reflectidos” dixo o vicepresidente da Deputación de Lugo, que aplaudiu a consolidación de Imdecum “nuns momentos difíciles nos que hai que ter moito valor para botar a andar calquera proxecto. É unha auténtica iniciativa de futuro, para a que a Deputación terá sempre as portas abertas”.

Tamén transmitiron os parabéns José María González Barcia e José Manuel Rozas. O alcalde burelao, que destacou o potencial turístico da Mariña e a colaboración entre administracións, definiu a Imdecum como una “referencia imprescindible e fundamental na vida da bisbarra co paso do tempo”. O xefe de Deportes da Xunta en Lugo, que escusou a ausencia do secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete Lasa, desexoulle “éxito á Fundación, nunha provincia e nunha comarca que destaca polo seu dinamismo deportivo e cultural”.

Javier Lozano falou do ‘orgullo’ da LNFS “pola implicación dun dos nosos asociados nun proxecto desta proxección porque un club deportivo non se entende sen arraigamento social e o CD Burela FS, co apoio á Fundación, está demostrando ser unha grande entidade en valores”. O seleccionador nacional, Venancio López, destacou ademais os alicerces de Imdecum como “unha imaxe a seguir tanto no fútbol sala coma no resto dos deportes, posto que é unha iniciativa con ideas novas que agrupa esforzos públicos e privados para atender as demandas da sociedade”. Plácido Díaz tamén puxo a FGF á disposición da Fundación para proxectos futuros.

Pola súa banda, Marcelino Luna fixo un chamamento tanto a asociacións e colectivos como ao sector empresarial para unha colaboración futura, para a que a Fundación Imdecum estará á súa disposición.

A conmemoración  do 25 de novembro, Contra a Violencia de Xénero, pechou a cita na praza do consistorio burelao.

Cimentos

Imdecum nace grazas ao apoio das institucións públicas, da Viceprsidencia Primeira da Deputación de Lugo e da Xunta de Galicia, co obxectivo de impulsar, promover e coordinar a actividade deportiva, cultural, educativa e turística da Mariña; fomentar os valores de igualdade, tolerancia, solidariedade, cooperación e integración principalmente na infancia, xuventude, terceira idade, mulleres e daquelas persoas e colectivos con maior risco de exclusión; ademais de difundir, desenvolver e preservar o patrimonio histórico, cultural, natural e turístico da bisbarra.

Recoñecida como Fundación de Interese Galego pola Xunta de Galicia, a iniciativa mariñá xermolou no berce do CD Burela FS-Pescados Rubén, nunha xestión baseada nos modelos da súa escola de fútbol sala, que se fundamentan na cultura do esforzo, a atención á diversidade, a integración social e o principio de igualdade, sen esquecer a busca do talento, a posta en valor da creatividade e o traballo en equipo entre a xuventude da bisbarra.

Imdecum pretende aglutinar ademais á empresa privada e conta na súa posta en marcha inicial coa representación no seu padroado de Pescados Rubén SL, Living Sport, Eje Atlántico, Oxem Sport e o CD Burela FS. A iniciativa centra a actividade dende os seus primeiros pasos, en febreiro de 2010, na colaboración con empresas, entidades financeiras, Administracións Públicas, institucións, asociacións e organismos de toda índole para contribuír aos obxectivos de cada un deles.

Proxecto de futuro

Consonte aos seus fins, a Fundación Imdecum está traballando nun programa de actividades para 2012 que reunirá proxectos multidisciplinarios: a Gala Anual da Mariña, como recoñemento a persoas, iniciativas e institucións que traballan día a día pola Mariña; seminarios de formación e práctica deportiva de base e en igualdade con profesionais de renome de diferentes disciplinas; a Academia Imdecum, poñendo á disposición dos diferentes centros de ensino a persoeiros de diversos ámbitos para impartir clases maxistrais; así como a elaboración dun sitio web de referencia, como escaparate de utilidade de todos os concellos mariñáns, e o emprazamento de encontros noutros puntos de Galicia e rexións para potenciar a presenza da Mariña como referente turístico.

Exit mobile version