Site icon Crónica3.com A Mariña

A meta burelista Joziane de Oliveira agarda “unha final de ida e volta ante España” no Mundial de FSF

Nota de prensa

JOZI: ‘TEREMOS UNHA FINAL DE IDA E VOLTA ANTE ESPAÑA’

Dende onte, a meta burelista Joziane de Oliveira está inmersa na recta final de preparación para o II Campionato Mundial de Fútbol Sala Feminino coa Selección do Brasil. Para a cita internacional, que terá lugar na cidade ‘canarinha’ de Fortaleza entre o 5 e o 10 de decembro, Jozi agarda “unha final de ida e volta ante España”, combinado co que as anfitrioas xa se verán as caras na primeira fase, xunto a Angola e Venezuela.

“Aínda que participaremos oito seleccións, creo que realmente será un torneo de catro, Portugal, Rusia, España e Brasil” explicou a porteira do CD Burela FS-Pescados Rubén, que tamén destacou a evolución do Xapón, “aínda que a priori non está ao nivel das outras candidatas”. “Sen dúbida, o Brasil-España será o partido principal da primeira fase e espero que tamén o da final; o espectáculo estará garantido” engadiu Jozi.

A porteira laranxa, que xa arrasou no Sudamericano 2011 de Maracay en outubro, pelexará por validar o título mundial de 2010, na primeira edición do campionato, en Madrid. “Sempre volvo á selección coa mesma ilusión; confiamos en estar á altura das expectativas como conxunto anfitrión, sendo conscientes de que este torneo pode servir de propulsor do fútbol sala no Brasil” dixo a meta, que tamén recoñeceu unha lixeira dose de ansiedade por acoller a cita: “A responsabilidade é a mesma en calquera localización; teremos unha afección moi numerosa que nos apoiará, aínda que tamén implica un pouco de ansiedade porque agardan que gañemos“.

“Presentámonos cun combinado sólido, con tan só dúas novidades con respecto ao Sudamericano, Gabriela e Ariane, para medirnos a España, que tamén chega sen sorpresas nunha convocatoria das habituais onde destaca a fortaleza e a intelixencia en pista“ advertiu a ‘canarinha’, que volverá pisar a comarca mariñá para reincorporarse ao CD Burela FS o 15 de decembro.

O pavillón Paulo Sarasato de Fortaleza será a sede de todos os encontros. No Grupo B competirán Portugal, Arxentina, Rusia e Xapón.

Exit mobile version