Site icon Crónica3.com A Mariña

A delegada territorial da Xunta en Lugo asistiu en Burela a presentación da Campaña de Integración da Inmigración

Nota de prensa

RAQUEL ARIAS CONSIDERA A BURELA COMO “UN ESPELLO DA MULTICULTURALIDADE E DA SÚA INTEGRACIÓN” NA COMUNIDADE GALEGA

A delegada territorial participou na presentación da I Campaña de Integración da Inmigración que pon en marcha o Concello de Burela

Burela, 2 de novembro de 2011.- A delegada territorial da Xunta en Lugo, Raquel Arias, destacou hoxe que Burela representa “un espello no que mirar como unha poboación de marcada multiculturalidade pode levar a cabo un proceso de integración” para dar lugar a unha sociedade sen distincións, respectando os costumes e as singularidades de cada nacionalidade.

Arias fixo estas declaracións no marco da presentación da I Campaña de Integración da Inmigración que promove o concello desta localidade mariñán, na que arredor de un de cada dez veciños e de orixe estranxeiro. “Burela reflicte a imaxe da Galicia na que hoxe vivimos e traballamos”, unha nova sociedade “na que cada vez se conxuga máis e mellor o verbo integrar no ámbito social e cultural”, afirmou.

Neste sentido, Arias sinalou que, precisamente o Concello de Burela entendeu que “había unha situación aínda se podía mellorar” e mediante a implicación de diferentes colectivos elaborou este plan.

Con relación ao devandito plan, Arias significou que “nos catro apartados do ciclo da mellora continua que recolle (planificación, execución, comprobación e toma de medidas correctoras), a Xunta de Galicia vai estar coa man tendida ao Concello de Burela para garantir que os obxectivos marcados se cumpran ou reformulen” para, coma fin último, acadar “a plena integración dos emigrantes que se acheguen a Burela buscando unha oportunidade”.

De feito, para levar a cabo un plan deste tipo e permitir que os seus obxectivos se cumpran é precisa a financiación necesaria para garantir o éxito. Para elo a Xunta de Galicia está a facer un gran esforzo económico para que a poboación inmigrante, que se atopa entre os colectivos máis vulnerables económica e socialmente, non se vexa afectada polas políticas restritivas do gasto social do Goberno central.

Por iso, “o esforzo económico por parte da Xunta, que debera ser do 30%, achégase ó 50% do orzamento total do plan, logo de que o Goberno Central reducise o orzamento adicado a este tipo de proxectos nun 65% dende o ano 2010”, explicou Arias.

Singularidade de Burela

A máxima representante do Executivo galego afirmou que “o proceso da emigración tense invertido en moi poucas décadas” e sinalou a continuación que non debemos esquecer que “a nós a emigración solucionounos problemas noutras épocas”.

Ao fío disto, a delegada sinalou que no municipio de Burela “contan con segundas e terceiras xeracións de caboverdianos que xa son galegas e galegos”. “Ademais, peruanos, indonesios e senegaleses levan o nome de Lugo e Burela polos mares do mundo, sumando todos eles máis do 13% da poboación do porto máis importante da Mariña”, expuxo.

Por todo isto, Arias concluíu que o caso de Burela representa “un exemplo dentro da comunidade galega, e que resulta exportable a calquera outro país, de como desenvolver de xeito natural un proceso de integración”.

Exit mobile version