Nota de prensa
A conselleira do Mar clausurou en Celeiro as XVI Xornadas técnicas de difusión do sector pesqueiro
A CONSELLERÍA DO MAR CREARÁ UN GRUPO DE TRABALLO NO SEO DO CONSELLO GALEGO DE PESCA PARA AVALIAR A NOVA PROPOSTA DA PCP
Rosa Quintana destacou o gran valor deste encontro ao plasmar no seu programa os puntos a debate da redacción final da nova Política Común de Pesca, que será a que marque o futuro porvir do eido marítimo
Durante o peche das xornadas, a conselleira salientou a importancia dos investimentos a bordo dos buques pesqueiros, para os que o departamento marítimo destinará o ano que vén 13,7 millóns de euros, o que supón un incremento dun 22%. A conselleira tamén resaltou os preto de 28 millóns que o seu departamento destinará para o reforzo das estruturas e orientacións do mercado dos produtos do mar así como a importancia do desenvolvemento da investigación, para o que o seu departamento aumentará nun 8% o orzamento do vindeiro ano.
Rosa Quintana destacou o gran valor destas xornadas ao plasmar no seu programa os puntos a debate da redacción final da nova Política Común de Pesca, que será a que marque o futuro porvir do eido marítimo. A conselleira destacou a relevancia deste encontro para tratar o estado actual do sector marítimo-pesqueiro e as súas posibilidades de orientación. Neste sentido, a conselleira fixo fincapé na reelaboración das táboas input-output da pesca galega, que permitirán avanzar de forma decidida no carácter aplicado das investigacións e nas implicacións das decisións ambientais.
Ao final da intervención, a conselleira animou a seguir o exemplo de Celeiro “onde a unión e a vontade de avanzar serviron para crear un porto puxante”. Rosa Quintana rendeulle unha pequena homenaxe ás xentes do mar de Celeiro e ofreceulle todo o seu apoio xa que “compartimos un elemento común de chegar ao futuro sen perder a referencia do pasado”, dixo a conselleira.