Nota de prensa
MARÍA XOSÉ VEGA PIDE O VOTO AO BNG PARA “OPOÑERSE A QUE NOS GOBERNE MERKEL OU OS ESPECULADORES DE GOLDMAN SACHS”
A candidata nacionalista por Lugo pechou a campaña cun mitin en Chantada no que pediu o voto ao BNG para “reinvindicar a democracia contra a tiranía dos mercados”
Chantada, 17 Novembro 11.- A candidata do BNG por Lugo, María Xosé Vega, pechou a campaña electoral para as eleccións do 20N cun mitin en Chantada, onde amosouse convencida de que “o BNG vai obter unha gran representación en Madrid porque é a única alternativa útil que pensa en Galiza e tamén a única que asegura a defensa da cidadanía contra o salvaxe acoso dos mercados financieros”.
“O panorama electoral é claro. Pódese votar a Goldman Sachs ou a Botín e axudar a manter un bipartidismo ao servizo da especulación que nos leva cara o desastre ou se pode votar polo BNG, que levará a voz da xente e dos seus dereitos ante todas as instancias necesarias. Cada vez somos máis os que pensamos que os primeiros non merecen o noso apoio, e seguro que o domingo seremos unha multitude a que reivindique co voto ao BNG a democracia fronte os recortes impostos dende elites insolidarias”, asegurou a candidata nacionalista.
Durante o mitin en Chantada, María Xosé Vega ironizou sobre o PP, ao que ve “pegado ao teléfono afiando a tesoira mentres Merkel e Sarkozy vanlles dando as instruccións por teléfono”. “Só o BNG vai estar enfronte dos recortes que teñen na mente, entre os que seguro que están moitas das infraestruturas previstas para Lugo e o apoio aos nosos sectores produtivos. Votar BNG é votar en indignado, para atopar unha solución pola esquerda que só nós garantimos ante a evidencia de que outras forzas non se atreven a meterlle mana aos especuladores e, por exemplo, reforzar os servizos sociais, crear unha banca pública ou facer unha reforma fiscal que acabe cos privilexios dos que máis teñen”, afirmou.