Nota de prensa
25 lucenses en paro participan, sen custe algún, nos novos obradoiros de emprego que organiza a Deputación
As aulas de formación do Inludes acollen hoxe e o vindeiro luns
dúas xornadas denominadas “Técnicas de busca de emprego”
A xornada de hoxe estivo dirixida a desempregados sen titulación. Mentres a do luns, que se celebrará en horario de 10:00 a 12:00 horas, estará enfocada a titulados.
A institución ofrece, de xeito gratuíto, orientación totalmente adaptada ás necesidades dos participantes. Os contidos impartidos versan sobre a elaboración dun bo currículo, así como os lugares máis axeitados para remitilo; as técnicas para afrontar unha entrevista de traballo ou outras probas de acceso de laboral como os tests de coñecemento.
A Deputación xa conta con novos fondos da Unión Europea para poñer en marcha o Pacto Provincial polo Emprego 2, unha iniciativa dotada con 3,5 millóns de euros que formará nas profesións con máis futuro na provincia a 1.200 lucenses en paro. Os novos beneficiados engadiranse ás 600 persoas que xa participaron na primeira edición desta iniciativa. Decenas delas están a traballar na actualidade.