Site icon Crónica3.com A Mariña

O PP de Ribadeo cualifica de autobombo e cinismo que ao alcalde presuma de estar cos veciños nas situacións de risco cando é a súa obriga

Nota de prensa

«AUTOBOMBO» E CINISMO NO GOBERNO DE RIBADEO

O Alcalde de Ribadeo presume nos medios de estar cos veciños nas situacións de risco cando é a súa obriga e critica á Xunta por falta de medios cando despediu e indemnizou ós GRUMIR.

De novo atopámonos esta semana nos medios de comunicación cunhas manifestacións do Alcalde de Ribadeo absolutamente na súa liñá de «nós somos o mellor e qué mal nos tratan». De novo a autoproclamación das bondades do señor Alcalde e o seu concelleiro de Facenda que estiveron en Noceda porque había un incendio e o Alcalde estivo en Porto e na pizzería. É evidente que estiveron e poden ter por seguro que os representantes do Partido Popular tamén terían estado de termos coñecido a existencia dos incendios e ter esa responsabilidade de goberno. É probable que os políticos nestas desgraciadas situacións pouco máis poidan facer que acompañar ós afectados na súa impotencia e coordinar o traballo de quen son os verdadeiros heroes, os traballadores dos servizos de extinción e as forzas de seguridade. Pero, ainda sendo así, os concelleiros da oposición tamén desexarían estar porque consideramos que é o noso deber coa cidadanía. ¿Onde xurde o problema? En que ao Alcalde chéganlle as novas ó instante de se producir e a oposición entérase polos medios de comunicación ou, nalgúns casos, por algún veciño. Polo tanto, desde o Grupo Municipal do Partido Popular de Ribadeo, recriminámoslle ó Alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, a proclamación pública a bombo e platillo da súa presenza en situacións de risco porque é o seu deber como alcalde de tódolos veciños e ten a oportunidade de facelo porque recibe puntualmente a notificación dos sucesos. Por favor señor alcalde, deixe xa de vanagloriarse e sexa, dunha vez, consciente de cales son as súas obrigas e do compromiso que contraeu con TODOS os ribadenses cando gañou as eleccións municipais o pasado mes de Maio, con maioría e con algún contratado máis para alixerar o seu traballo.

Por outra banda, atopámonos coa segunda cualidade do señor alcalde desde que está en política: o victimismo, a non asunción de responsabilidades que lle son propias e o lamento constante culpabilizando de todos os males a outros (con especial predilección polo Partido Popular). Láiase o señor alcalde dos medios que tén para as situacións de emerxencia e culpa, como non!, á Xunta de Galicia. Pois é de xustiza que todos os veciños saiban que TODOS os medios de seguridade que existen actualmente a disposición dos ribadenses (excepto a Garda Civil) son sufragados en todo ou en unha grandísima parte pola Xunta de Galicia. O reproche á entidade autonómica é demagóxico, inxusto e necio. O concello de Ribadeo está neste momento a pagar indemnizacións de miles de euros por despidos a extraballadores do GRUMIR que reclamaron no xulgado a sua reincorporación como traballadores do Concello de Ribadeo por acumulación de contratos (por certo, xa van tres demandas laborais perdidas e aínda quedan …). O Alcalde de Ribadeo tivo a oportunidade de ter un servicio de GRUMIR estable e permanente como teñen outros concellos da Mariña como Cervo ou Burela e preferiu tirar o diñeiro dos ribadenses en indemnizar a estes profesionais altamente cualificados e con gran experiencia que contratalos e crear un servizo de seguridade digno dun “concello de dez mil habitantes” como el dí. Alega para defender a súa decisión a situación económica do concello, pero non estaba na súa mente a prioridade da seguridade dos ribadenses cando non readmite ós GRUMIR pero non dubida en manter, con sete concelleiros, postos de confianza ou un gabinete de prensa, ad maioren gloriam do gobernó, pagados íntegramente con fondos propios do concello. Só cabe calificar esta actitude do noso Alcalde como mercantilista, egoísta e manipuladora.

Polo tanto, o noso apoio público ós veciños afectados polos desgraciados sucesos destes últimos días cos incendios e incidentes que se teñen producido e un rogo ó Sr. Alcalde para que deixe de “chufarse” por cumprir coa súa obriga acudindo de inmediato ó lugar dos sucesos e se absteña de practicar o cinismo criticando a quen está a facer un inmenso esforzo pola seguridade dos ribadenses e esquecéndose das súas decisións incongruentes neste campo.

Exit mobile version