NOTA DE PRENSA
As traballadoras e traballadores de limpeza do Hospital da Costa seguirán concentrándose diariamente ao non haber acordo coa empresa.
As traballadoras e traballadores de limpeza do Hospital da Costa, dependentes da empresa Samyl, decidiron en asemblea celebrada onte, seguir coas concentracións que diariamente levan a cabo na entrada do Hospital. Logo de estudar a proposta que no transcurso da semana pasada a empresa trasladou, o principal motivo actualmente de desencontro sería a interpretación que as dúas partes fan da futura equiparación no 2013. Mentres que a empresa considera que unicamente se trataría de igualar a cantidade de horas que se veñen facendo nos distintos hospitais, o que unicamente suporía traballar 10 minutos menos ao día, a parte social considera que na equiparación tamén tería que entrar a distribución desas horas de xeito que a mesma permita ao persoal a libranza dalgunha fin de semana. Así é como se van facendo no resto de hospitais e de non ser así realmente non existiría dita equiparación.
Onde sí hai un principio de acordo é no que sería o convenio ponte ata o 2013. A empresa retirou practicamente todas as modificacións que motivaran o desacordo nese senso, algo que dende a parte social valoramos positivamente.
A asemblea decidiu tamén remitir unha nova proposta á empresa e en espera da contestación désta, proseguir coas concentracións diarias, descartando adoptar novas medidas de presión (outro dos puntos na orde do día) como mostra de vontade conciliadora e de diálogo.