Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG de Lourenzá pide un pleno extraordinario para que o concello inste a Xunta a quen non aprobe o ERE de Muebles Hermida

Nota de prensa

Cesar Docampo afirma que os 100 despido significaría unha traxedia para o Concello e A Mariña.

O BNG de Lourenzá pide un Pleno Extraordinario para que o Concello inste a Xunta a quen non aprobe o ERE.

A Asemblea Local do Bloque Nacionalista Galego anunciou hoxe que o próximo Luns vai solicitar a Alcaldía de Lourenzá unha convocatoria dun Pleno Extraordinario urxente a fin de que o Pleno da Corporación Laurentina inste a Consellaría de Traballo da Xunta de Galiza a que non aprobe a proposta de ERE que ven de presentar a dirección de Móbeis Hermida no caso de que o mesmo non conte co visto e prace da plantilla e sempre que non signifique unha redución drástica de emprego como a que a día de hoxe plantexan.

Segundo indicou o Portavoz do BNG en Lourenzá, Cesar Docampo, “ a decisión de prescindir por parte de cen traballadores por parte da firma, significa de facto, unha auténtica hecatombe para o noso Concello, na medida que boa parte dos traballadores residen no mesmo o que obriga a que o Pleno da corporación tome unha posición firme ao respecto. Temos que garantir a continuidade da empresa no noso Concello pero tamén, particularmente, o emprego dos nosos veciños. Estamos diante dun problema que vai máis alá do estritamente laboral, que é o que agora nos ocupa, posto que choca de cheo co modelo de desenvolvemento que queremos para A Mariña e Galiza, no sentido de que estamos diante dunha das poucas factorías que fecha en Galiza o ciclo da madeira, transformadora en móbeis que é o que realmente xera valor engadido” .

Asemade Cesar Docampo, anunciou que “os nacionalistas imos trasladar o tema ao Parlamento de Galiza a través do noso parlamentario Manuel Parga a fin de que o Goberno Galego fixe unha posición a favor do mantemento do emprego e tamén da continuidade da empresa. A autoridade competente en materia laboral en Galiza, neste caso a Xunta, non pode mirar para outro lado e tratar o asunto como algo de carácter ordinario porque está en xogo o futuro de 100 persoas e tamén dunha firma que xera un grande valor engadido na zona.É momento de firmeza dos poderes públicos e de loita do conxunto da sociedade para evitar este tsunami na Comarca pero tamén para facerlle fronte ao auténtico drama, que o que se agocha tras as 100 persoas sobre as que corre o risco de ficar sen traballo”.

Xa por último o Concelleiro do BNG en Lourenzá informou que “o conxunto da organización quere expresar toda a súa solidariedade a mobilización convocada polo Domingo ás 12:00 h en Mondoñedo, manifestación á que acudira unha delegación da dirección do BNG na Mariña e en Lourenzá, na medida que vai ser a resposta da cidadanía a que obrigue a Xunta de Galiza a antepoñer os dereitos e intereses dos traballadores a outras cuestións”.

Exit mobile version