Nota de prensa
FERNANDO SUÁREZ INSISTE EN DEMANDAR QUE PARTE DA AREA EXTRAÍDA DO DRAGADO DA RÍA SE DESTINE Á PRAIA DOS BLOQUES. O CONCELLO ASÍ LLO RECLAMOU HAI UN MES A PORTOS DE GALICIA E AO MINISTERIO DE MEDIO AMBIENTE.
Ribadeo, 13 de outubro de 2011. O alcalde de Ribadeo, Fernando Suárez, insiste en demandar que parte da area extraída do dragado da ría se destine á praia dos Bloques. O Concello así llo reclamou hai un mes tanto a Portos de Galicia como ao Ministerio de Medio Ambiente.
Suarez Barcia sinalou hoxe que “con estas obras de dragado desta parte do canal da ría de Ribadeo, que está levando adiante Portos de Galicia da Xunta, desde o Concello xa aproveitamos e xa lles dixemos hai aproximadamente un mes que era boa cousa que Portos dialogase co Ministerio de Medio Ambiente, que é o titular da praia dos Bloques, para que se puidera depositar parte da area que se vai dragar do leito da ría nesa praia”. O rexedor subliñou que “é un areal urbano e moi visitado, que agora con esas obras de remozamento que se estiveron dando seguramente será máis visitado, si cadra, durante os vindeiros ano. E que aínda que haxa que eliminar parte do fango que ten, que si é posible se aproveite parte desa area que se vai sacar do dragado da ría de Ribadeo para colocala nesa praia”.
O alcalde ribadense lembrou que “enviásmoslle sendos escritos hai un mes á Xunta e ao Ministerio de Medio Ambiente para que por favor se poñan de acordo de cara a levar adiante unha boa actuación para Ribadeo. Seguramente que a Portos de Galicia lle é menos gravosa a actuación, aínda que non se trataría só de depositar e tirar a area enriba dese fango. En primeiro lugar sería convinte eliminar ese fango tan denso que hai alí. É algo que os técnicos din que é perfectamente posible”. Fernando Suárez fai un chamamento “tanto aos responsables de Medio Ambiente como da propia Xunta de Galicia para que atendan esta vella demanda de Ribadeo co obxectivo de que a praia dos Bloques poida lucir a súa mellor imaxe cunha area de primeira calidade e non este fango que ten”.
Rede wimax
O rexedor tamén se referiu á asociación de concellos da Reserva da Biosfera, “xa comezan a verse os resultados destas iniciativas que levamos adiante desde a asociación de concellos da Reserva da Bisofera, que formamos sete concellos galegos e sete asturianos e na que o Concello de Ribadeo forma parte da súa directiva. Estes días estamos a ver cómo da os seus froitos esa inversión de 600.000 euros que se fixo para mellorar as zonas de escuridade no que que ten que ver coas novas tecnoloxías da comunicación como é a banda ampla e como é mellorar o sinal para recibila. En Ribadeo case temos fibra óptica, pero nas parroquias non teñen nin fibra óptica nin adsl nin 3G… hai zonas de auténtica sombra”.
Fernando Suárez explicou que “desde hai poucas semanas xa se pode disfrutar en moitas partes do noso territorio da tecnoloxía wimax, que é un estándar de transferencia de datos moito máis rápido e moito máis seguro que o wifi. A empresa Eurona Telecom está enviando estes días folletos informativos aos domicilios das nosas parroquias con ofertas, que nós como Concello non recomendamos que se contraten, pero sí que se estudien e se miren porque isto é produto desta inversión tan importante que se fixo desde esta asociación para que outras operadoras puideran ofrecer os seus servizos e a xente que xa se subscribiu está a recibir unha calidade de internet moi óptima. Por iso lles queremos indicar que consulten e que miren as tarifas porque hai veces que a onde poden chegar estas tecnoloxías non chegan outras convencionais de Movistar, de Vodafone, de Orange, etc, etc. Estóume a referir singularmente ás parroquias do interior, onde teñen moitos problemas de cobertura a día de hoxe”. E engadiu que “confiamos, aínda que non resolva o cen por cen de todas as problemáticas que teñamos en todo o concello, que resolva unha parte delas sobre todo para os nenos e os rapaces que precisan de adsl para os seus estudios e o seu traballo e que a día de hoxe non o podían ter”.