Site icon Crónica3.com A Mariña

Medio Rural soltará 5.300 ootecas parasitadas para loitar contra o gorgullo do eucalipto na Mariña en outubro

Nota de prensa

MEDIO RURAL REFORZA A LOITA CONTRA O GORGULLO DO EUCALIPTO COA SOLTA DE 115.000 OOTECAS PARASITADAS

O departamento que dirixe Samuel Juárez vén de comezar a primeira fase do tratamento deste ano, que se executará na primavera e en outono
A acción enmárcanse no Plan Estratéxico de Loita Integrada contra o Gonipterus Scutellatus, baseado na loita biolóxica como alternativa eficaz e respectuosa co medio natural

Santiago, 12 de outubro de 2011.- A Consellería do Medio Rural, a través da Dirección Xeral de Montes, reforza este ano a loita contra o Gonipterus scutellatus, coñecido como gorgullo do eucalipto, coa solta de 115.000 ootecas parasitadas. A solta realízase na primavera e no outono, cando se detecta a maior presenza de adultos e larvas. Así, o departamento que dirixe Samuel Juárez finalizou a primeira fase (primavera) coa solta de 85.000 ootecas parasitadas distribuídas en 1.700 bolsas. A segunda fase (outono) estase a rematar coa solta de 30.000 ootecas parasitadas distribuídas en 600 bolsas.

A acción enmárcase no Plan Estratéxico de Loita Integrada contra o Gonipterus scutellatus, coleóptero que ataca o eucalipto, producíndolle serias afeccións que diminúen a súa capacidade madeireira. A Consellería do Medio Rural aposta por un sistema de loita biolóxica que consiste na introdución nas áreas de distribución do eucalipto de postas do Gonipterus, chamadas ootecas, parasitadas coa avespa Anaphes Nitens. O obxectivo é impedir o desenvolvemento das larvas do coleóptero defoliador, creando unha colonia de avespas de xeito natural. Esta colonia esténdese para efectuar novas parasitacións noutras postas, evitando así a reprodución do Gonipterus.

O uso do parásito Anaphes nitens, específico e natural, nos ovos do gorgullo do eucalipto preséntase como unha alternativa eficaz e respectuosa co medio natural. A eficacia deste método de control biolóxico do defoliador débese a dous factores: por unha banda á facilidade de adaptación do parásito ás condicións climáticas de Galicia e, por outra, ao seu maior potencial biótico. Así, o control biolóxico da praga do eucalipto consiste en depositar as postas do Anaphes nitens no interior dos ovos de Gonipterus scutellatus, coñecidos como ootecas.

Os novos individuos permanecen no interior de ditos ovos, alimentándose do seu contido e evitando así que emerxan os Gonipterus. Unha vez acadado o estado adulto, o Anaphes sae ao exterior coa finalidade de buscar novas postas que parasitar. Para desenvolver este programa de control biolóxico, a Dirección Xeral de Montes leva a cabo soltas de ootecas parasitadas previamente en laboratorio.

Solta por provincias

Segundo os datos da Dirección Xeral de Montes, preto do 60 por cento das ootecas parasitadas distribuiranse na Coruña. Esta é a provincia máis susceptible de danos por parte da praga debido á maior presenza de masas de eucalipto, xa que posúe a metade das existencias en volume de Galicia. Nesta área, a finais do mes de outubro, colocaranse 1.341 bolsas, cun total de 67.050 ootecas. O tratamento concéntrase especialmente no Distrito Forestal I, de Ferrol, cun total de 380 bolsas con 19.000 ootecas parasitadas.

No mes de outubro colocaranse nos distritos de Ferrol, Bergantiños, Santiago, Barbanza e Fisterra as 351 bolsas restantes (finalizando o tratamento de outono) completando as 1.341 bolsas do tratamento previsto para o ano 2011.

Tamén en outubro, en Lugo repartiranse 106 bolsas cun total de 5.300 ootecas, completando o tratamento anual en 420 bolsas que supoñen 21.000 ootecas. O Distrito Forestal VI, da Mariña Lucense, é o que concentrará máis bolsas, con 330 unidades que suman 16.500 ovos do gorgullo do eucalipto parasitados con Anaphes nitens.

Ourense e Pontevedra

En Ourense colocáronse 3.750 ootecas, estándose a distribuír actualmente (e ata finalizar o mes de outubro) 1.300 máis, o que representará un total de 5.050 ootecas parasitadas na provincia. Neste mes colocaranse 34 bolsas, con 50 ootecas cada unha, nos distritos do Ribeiro-Arenteiro e da Limia.

Finalmente, en Pontevedra, distribuíronse en primavera 12.500 ootecas e a finais de outubro colocaranse 5.700, sumando un total de 21.900 ootecas parasitadas.

Inventario

O Plan Estratéxico de Loita Integrada contra o Gonipterus scutellatus consta de cinco accións principais: a reprodución e difusión controlada da Anaphes nitens; o inventario permanente de danos e a presenza da praga e do parasitoide; o estudo de factores estacionais que inciden na evolución e dinámicas das masas, das pragas e dos parasitoides; o estudo dos tratamentos en función da bioloxía do Gonipterus scutellatus; e a activación de estudos sobre produtos químicos e biolóxicos a fin de dispoñer dos recursos precisos.

No tocante á elaboración dun inventario permanente de danos e da presenza da praga e da Anaphes nitens, os equipos de traballo de campo encargados da distribución das bolsas nas parcelas de eucaliptos realizan tamén unha recompilación informática de diversos parámetros e informacións cos que contribuír a este estudo. A situación das parcelas, as coordenadas das árbores nos puntos de solta e a presenza doutras ootecas ou exemplares de Anaphes ou Gonipterus son datos que se introducen no inventario.

Ademais, progresivamente, engádense as informacións obtidas dos traballos feitos para determinar os danos e a área de expansión do Gonipterus scutellatus, coa finalidade de coñecer con precisión estatística a evolución da súa xeografía, dinámica das poboacións e a evolución do seu ciclo biolóxico anual. Así pódese traballar para controlar a medio prazo a área de distribución deste defoliador en Galicia, avaliando os graos de defoliación que está ocasionando e os niveis de parasitación de Anaphes nitens en campo, mediante mostreo e ensaios en campo.

Nesta liña de acción, cunha periodicidade mensual, a Administración tomará mostras en 260 parcelas distribuídas por toda a Comunidade Autónoma. Deste total, 125 parcelas sitúanse na Coruña, 65 en Lugo, 13 en Ourense e 57 en Pontevedra.

Resultados actuais

Os danos por defoliación deste outono non alcanzan valores de gravidade, presentándose unha porcentaxe de defoliación baixos a nivel árbore e ramillos, situación moi diferente da acontecida na primavera deste ano. A este efecto pode contribuír o programa do control biolóxico que se está levando a cabo e co que se pretende conseguir un control a medio prazo do defoliador.

Soltas desde 1995

O gorgullo do eucalipto detectouse por primeira vez en Galicia en 1991, na provincia de Pontevedra. En 1995 realizáronse nesta provincia as primeiras soltas controladas de ootecas parasitadas. A acción xorde como froito do labor iniciado en 1993 pola Estación Fitopatolóxica do Areeiro, dependente da Deputación de Pontevedra, en colaboración coa Dirección Xeral de Montes.

Os técnicos do Areeiro analizan e avalían a poboación de parasitos presentes en Galicia, das mostras de ootecas recollidas nas parcelas de inventario, a través dos ensaios de laboratorio. Posteriormente, en función do ciclo biolóxico do Gonipterus e as condicións climáticas do territorio galego, aconsellan a execución do tratamento de sur a norte da Comunidade Autónoma.

Segundo os cálculos da Dirección Xeral de Montes, 115.000 ootecas parasitadas dan lugar a algo máis de medio millón de individuos de Anaphes que lle van gañando terreo ao Gonipterus, impiden a súa reprodución e reducen progresivamente as poboacións.

Datos de 2010

O balance de 2010 realizado polo departamento que dirixe Samuel Juarez indica que, neste ano, tamén se realizaron dous tratamentos. A primeira solta, a comezos da primavera, supuxo a distribución de 73.100 ootecas parasitadas e a segunda, no mes de outubro, de 30.000 ootecas parasitadas. Así, o pasado ano situouse en campo un total de 103.100 ootecas parasitadas. Tendo en conta que de cada unha delas saen cinco parásitos, estímase que foron soltados uns 515.000 individuos do parásito Anaphaes nitens.

Previsións 2012

As previsións para o próximo ano contemplan a solta -na primavera 2012- dunhas 250.000 ootecas parasitadas (duplicando así o total de soltas realizadas neste ano 2011). O seguinte paso consistirá en reunir á mesa da madeira para estudar os resultados dos tratamentos efectuados ata hoxe e analizar conxuntamente co sector plans de futuro.

Exit mobile version