Nota de prensa
MAR ENTREGA 2.000 UNIDADES DE OURIZO ÁS CONFRARÍAS DE CELEIRO E SAN CIBRAO PARA REXENERAR OS SEUS BANCOS MARISQUEIROS
A delegada territorial da Xunta, Raquel Arias, visitou a zona de San Cibrao e supervisou os traballos de sementeira que se están a realizar de xeito pioneiro para incrementar a poboación deste equinodermo
Esta entrega e a posterior sementeira realizouse no marco do Proxecto experimental de Rexeneración do Ourizo no que participan de xeito pioneiro os mariscadores de a pé das confrarías de Ribadeo, Burela, San Cibrao, Celeiro, O Vicedo, Espasante e a Asociación de mariscadores de San Cosme de Barreiros. Trátase dunha iniciativa que persegue aumentar a produción dos bancos marisqueiros do ourizo e incrementar os ingresos do sector.
O ourizo cedido ten unha talla media de 13 milímetros e procedía do Centro de Cultivos Mariños de Ribadeo. Segundo indicou Raquel Arias, “os traballos de rexeneración lévanse a cabo en dúas fases, a primeira é a sementeira dos xuvenís de ourizo nos bancos e, a segunda, é o seguimento da evolución dos bancos marisqueiros a través de mostraxes semestrais, co fin de monitorizar a evolución das poboacións”.
Nos meses de agosto e setembro, a Consellería do Mar xa lle doou ás confrarías de Ribadeo, San Cosme de Barreiros, Burela, Espasante e O Vicedo sendos lotes de 1.000 unidades cada un, co fin de que aumentasen a poboación de ourizo dos seus bancos naturais.