ECONOMÍA E INDUSTRIA PRESENTA EN LUGO O PROGRAMA BIC i-TEAMS PARA FOMENTAR OS PROXECTOS DE INNOVACIÓN NAS PEMES
Poden participar no Programa impulsado por BIC Galicia as pemes que busquen a redefinición ou a mellora da súa oferta de produtos e servizos, se teñen menos de 4 anos e son de base tecnolóxica ou de coñecemento.
O programa fará posible que as firmas participantes desenvolvan un proxecto específico de innovación de produto ou servizo en menos de 3 meses.
Lugo, 1 de outubro de 2011.- A Consellería de Economía e Industria desenvolverá o próximo martes, 4 de outubro, a partir das 11 horas e no Edificio Cactus do Campus de Lugo, a xornada de presentación do Programa Bic i-Teams para empresas desta provincia, que organiza a través do Centro Europeo de Empresas e Innovación de Galicia (BIC Galicia).
Este programa está deseñado para axudar a innovar ás empresas galegas de base tecnolóxica e recente creación, mediante a definición dunha carteira de proxectos de innovación que leve á concreción dun proxecto específico, en forma de nova proposta de produto ou servizo innovador. Na xornada de presentación do programa en Lugo participará a directora xeral de Bic Galicia, Maite Cancelo, xunto con representantes do Igape, de Larpro Engineering e de Vicus Desarrollos Tecnológicos, S.L.
O Programa Bic i-TEAMS aplicará técnicas e ferramentas probadas con éxito en máis dun cento de pemes galegas, na súa maioría con menos de catro anos de vida. A metodoloxía está adaptada ás necesidades das empresas que leven pouco tempo funcionando. Por iso, os requisitos de participación no programa son que as empresas teñan menos de 48 meses e sexan de base tecnolóxica ou baseadas no coñecemento.
Os expertos encargados de desenvolver esta nova iniciativa impartirán formación práctica e asesoramento individualizado en cada unha das firmas que decidan sumarse para participar no programa, orientado a procurar que as empresas novas aprendan a desenvolver por si mesmas unha cultura empresarial de innovación e as habilidades necesarias para ofrecer produtos e servizos de alto valor engadido, axeitados ás esixentes demandas actuais dos mercados. Seguindo ese método, será posible xerar resultados en forma dunha nova carteira de proxectos e un proxecto específico de innovación nun período de tempo menor de 3 meses.
O obxectivo é que, coa axuda de expertos externos, as empresas participantes definan unha iniciativa específica que dea lugar a un produto ou servizo innovador, e que, unha vez finalizado o programa, o propio persoal das empresas participantes estea preparado para manter o desenvolvemento dos procesos de innovación necesarios para consolidar a súa competitividade.