DOUS MOZOS DA MARIÑA FORMAN PARTE DO COMITÉ DE CAMPAÑA DE NOVAS XERACIÓNS GALICIA
– A agrupación xuvenil do PP prepara máis de 30 encontros por toda a comunidade e un acto central con Feijóo
A Mariña 22 de outubro de 2011.- Juan Francisco López Prieto, de Trabada e o cervense Diego Campo, formarán parte do comité de campaña que vén de constituír esta semana a formación política xuvenil do Partido Popular de cara ás vindeiras eleccións xerais do 20 de novembro. Estas dúas persoas, xunto a varios compañeiros procedentes doutros puntos de Galicia terán por encargo organizar máis dunha trintena de actos por toda Galicia.
A formación tamén planea celebrar un acto sectorial por cada unha das catro provincias galegas para abordar os eixos básicos do programa da organización xuvenil. Así, no encontro da provincia de Lugo o tema que se tratará serán as propostas de Novas Xeracións en materia de emprego.
Con todo, a guinda da campaña de Novas Xeracións será a celebración dun gran acto central con Alberto Núñez Feijóo onde os populares máis novos se unirán ao presidente do PPdeG para escenificar o seu apoio a Mariano Rajoy e a súa loita polo tan necesario cambio a nivel estatal.
O Goberno de Zapatero mermou as posibilidades da mocidade galega e española e condenou o seu futuro laboral coa súa errática política económica. Por iso, Novas Xeracións poñerán todo o seu empeño nunha campaña electoral que dará como froito un xiro político esperanzador para a xuventude de España.