Nota de prensa
O BALCÓN DO CONCELLO LUCE UN GRAN LAZO ROSA. BURELA ÚNESE ASÍ Á INICIATIVA POSTA EN MARCHA POLA ASOCIACIÓN DE LOITA CONTRA O CANCRO DE LUGO PARA CONCIENCIAR ÁS MULLERES DA NECESIDADE DE SOMETERSE ÁS PROBAS DE DETECCIÓN PRECOZ DESTA ENFERMIDADE.
Burela, 17 de outubro de 2011. O vindeiro 19 de outubro é o día contra o cancro de mama e o Concello de Burela únese á iniciativa Lugo, unha provincia por unha causa, promovida pola AACC de Lugo, colgando no balcón da Casa Consistorial un gran lazo rosa. A concelleira de Servizos Sociais e Sanidade, Diana Durán, explica que “o ano pasado o perímetro da emblemática muralla de Lugo foi rodeado completamente por un lazo e este ano dende a AACC quixeron chegar mais lonxe, invitando a todos os Concellos da provincia a pór un lazo rosa na súa fachada”.
Diana Durán non dubidou dende o primeiro momento en facer partícipe aos veciños e veciñas de Burela a través desta iniciativa, xa que dende a Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade enténdese que “colaborar nesta causa é unha tarefa de todas as persoas e foi por iso que acollemos de bo grao a proposta de AACC de Lugo”. Ademais, a concelleira de Sanidade recorda que “detectar precozmente o cancro de mama está nas nosas mans e é por iso que a través deste acto de concienciación das pacientes, das familias e todo o pobo en xeral, debemos tomar as medidas necesarias contra esta enfermidade que afecta a millóns de mulleres en todo o mundo”.
A edil popular indica que “outra das actuacións previstas para este día é a colaboración coa asociación local de loita contra o cancro, a Asociación Esperanza, que vai situar unha mesa informativa na praza do Concello e repartirá lazos rosas como símbolo da loita contra o cancro de mama, co fin de implicar e concienciar á poboación en xeral e ás mulleres en idade de risco en particular para que tomen un papel activo no coidado da súa saúde”. Durán insiste na “necesidade de someterse a probas de detección precoz desta enfermidade, pois na maioría dos casos a prevención xoga un papel tan importante ou mais que o propio tratamento”.