Nota de prensa:
A Fundación TIC colabora con Cantar Delas na difusión da música coral galega
– Os Presidentes da Fundación TIC e de Cantar Delas asinaron un convenio mediante o cal alumnos da EIS realizarán proxectos audiovisuais para completar a súa formación práctica e promocionar a actividade do primeiro coro de voces brancas creado en Lugo
– A TIC incrementou este ano en máis dun 400% os acordos con diferentes colectivos de Lugo en apoio a súa actividade e co obxectivo de facilitar a inserción laboral dos estudantes do único centro da provincia que imparte ensinanzas do sector audiovisual – A 1ª das actuacións, terá lugar o 19 de novembro, na Igrexa de San Pedro, en Lugo. Trátase do IV Concerto de Outono, cuxo repertorio incluirá pezas do músico lucense Xoán Montes
O convenio “é exemplo da suma do potencial da escola e da produtora, e unha homenaxe única ó traballo colectivo”, engadiu o Presidente provincial, ademais de subliñar que o proxecto facilita que os alumnos da Escola de Imaxe se familiaricen co mundo laboral, “polo que é un verdadeiro traballo de aprendizaxe”. A matrícula deste centro de ensinanza, dependente da Deputación, é gratuíta dende hai catro anos, polo que “o público asume todo o protagonismo”, indicou Besteiro. Pola súa banda, o Presidente do colectivo Cantar Delas agradeceu a colaboración coa Fundación TIC e mostrou o seu desexo de que “se poida manter durante moito tempo”.
Tras a sinatura do documento, o grupo coral interpretou varias pezas do seu repertorio habitual.
A primeira das actuacións que está previsto gravar polo equipo de bolseiros da Fundación TIC terá lugar o sábado, día 19 de novembro, na Igrexa de San Pedro, en Lugo. Trátase do IV Concerto de Outono que organiza Cantar Delas, nesta ocasión conxuntamente coa Coral Polifónica do Hospital Universitario de Lugo. No repertorio inclúense pezas do músico lucense Xoán Montes.
A TIC ó servizo dos lucenses
A Fundación TIC ten asinados 50 convenios con empresas e asociacións sen ánimo de lucro da provincia. O principal obxectivo destes acordos é proporcionar experiencia laboral os alumnos e titulados da EIS, para que completen a súa formación e podan acceder con máis facilidade a postos de traballo no sector audiovisual.
Entre as organizacións coas que colabora a Fundación TIC figuran ONG´s e asociacións culturais, para apoiar o seu labor social e impulsar a inserción laboral de persoas con discapacidade e entidades deportivas que fomentan o deporte base, así como empresas que fomentan o emprego das novas tecnoloxías no tecido industrial da provincia. Este ano, a Fundación TIC incrementou en máis dun 400% os convenios asinados con colectivos da provincia.
Voces brancas
O grupo coral Cantar Delas, o primeiro que se creou en Lugo, naceu na primavera do ano 2007 a iniciativa do Presidente da asociación, Julio Méndez, e do seu Director, Fernando Gómez Jácome. Despois do necesario periodo de selección das integrantes, todas elas mulleres, realizaron a súa presentación ó público en marzo de 2008, na Igrexa de San Pedro. A madriña do concerto foi Lara Méndez.
Dende entón, a asociación cultural celebrou en Lugo varios cursos de técnica vocal e numerosos concertos en colaboración con outros coros de voces brancas lucenses, do resto de Galicia e de Asturias. Na actualidade, a coral está integrada por 30 mulleres de diversas idades.