Site icon Crónica3.com A Mariña

A Deputación inviste na estrada de Augaxosa para mellorar a comunicación de A Pontenova e A Mariña

Nota de prensa

A Deputación mellora a comunicación da Pontenova coa Mariña Central investindo 1 millón de euros na estrada de Augaxosa

– Besteiro comprobou o estado desta vía tralas obras de rehabilitación que acometeu o organismo provincial. O proxecto garante unha condución confortable e segura por unha calzada que os pontenoveses elixen maioritariamente para viaxar á zona centro da comarca

– O Presidente supervisou tamén os traballos para a dotación de saneamento a Sanxés e a mellora da traída de auga da aldea de Barreiros, actuacións que respaldan o esforzo do Concello por levalos servizos públicos a tódolos núcleos de poboación do municipio

O Presidente da Deputación, José Ramón Gómez Besteiro, supervisou este xoves, acompañado do Alcalde pontenovés, Darío Campos, o estado da estrada provincial que une A Pontenova e Augaxosa, unha vía que foi rehabilitada pola institución provincial cunha inversión de 1 millón de euros. Coas obras acometidas, consistentes no ensanche, asfaltado e sinalización da calzada, a Deputación mellorou a principal vía de comunicación entre A Pontenova e os Concellos da Mariña Central, facendo a condución máis confortable e segura. Os veciños do municipio pontenovés optan maioritariamente por tomar a estrada de Augaxosa -de 16,5 quilómetros de lonxitude- en vez da Nacional 640, para desprazarse á zona centro da comarca porque o traxecto é moito máis curto, duns 20 quilómetros menos.

Besteiro resaltou a importancia desta mellora viaria para axilizar as comunicacións internas da comarca e para facer máis segura a circulación pola estrada A Pontenova-Augaxosa. “Os veciños poden ir agora por unha estrada moi ben coidada, pavimentada e sinalizada, algo a ter moi en conta sobre todo porque no inverno nesta vía hai dificultades de tráfico debido á néboa”.

O Presidente Provincial supervisou así mesmo as obras para a dotación dunha rede de saneamento que acomete a Deputación en Sanxés, un núcleo con 25 habitantes pertencente á parroquia de Bogo. O proxecto, que acabará de executarse en breve, conta cun orzamento de 72.530 euros e inclúe tamén a mellora da vía principal deste pobo pontenovés. O Presidente provincial estivo seguidamente en Barreiros, tamén na parroquia de Bogo, para comprobar a mellora levada a cabo na traída de auga a través do Plan de Comunidades Veciñais. A obra, que recibiu unha axuda de 6.956,25 euros da Deputación (o 75% do importe total do proxecto), consistiu na construción dun novo depósito de auga, o que beneficiará á vintena de veciños que reside na aldea.

Con estas dúas actuacións, o Goberno provincial respalda o esforzo que vén desenvolvendo o Concello pontenovés por levalos servizos públicos a tódolos núcleos de poboación do municipio mariñano. Gómez Besteiro gabou ese compromiso do Alcalde, Darío Campos, coas zonas rurais porque mellorando o benestar das súas xentes contribúe a fixar poboación.

Máis actuacións

A mellora da estrada provincial da Pontenova a Augaxosa súmase a outras actuacións que a Deputación levou a cabo no municipio mariñano nos últimos tres anos e que en total ascenden a preto de 2,7 millóns de euros. É o caso do acondicionamento do río Eo; unha actuación moi demandada polos veciños deste Concello e para a que o organismo provincial destinou 900.000 euros. Os traballos supuxeron un investimento de 4,8 millóns, financiados nun 70% polo Ministerio de Medio Ambiente Rural e Mariño e nun 30% pola Deputación. O Concello asumiu a cesión dos terreos.

Así mesmo, dentro do Plan de Comunidades Veciñais, o organismo provincial subvencionou con 92.648 euros 15 novas obras neste municipio. Para conservación da rede viaria provincial aprobada ata 2012 destináronse máis de 370.000 euros, e 35.000 euros para obras do Plan de Pequenas Infraestruturas en Concellos de menos de 5.000 habitantes. A roza das estradas de titularidade da Deputación e as actuacións incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) centran o resto de investimentos executados pola institución provincial na Pontenova.

Exit mobile version