Nota de prensa:
Educación considera que o referendo celebrado hoxe nalgúns centros de ensino foi convocado con fins propagandísticos
O departamento educativo da Xunta de Galicia recorda que esta convocatoria, apoiada por só 2 dos 5 sindicatos do ensino, non ten ningún tipo de validez
Santiago, 25 de outubro de 2011.- A Consellería de Educación e Ordenación Universitaria considera que o referendo celebrado hoxe nalgúns centros educativos foi convocado por só 2 das 5 organizacións sindicais do ensino – Confederación Intersindical Galega, CIG; e Unión General de Trabajadores, FETE-UGT – cun único fin propagandístico e sen ningún tipo de validez.
Doutra banda o departamento educativo da Xunta de Galicia celebra a volta onte das organizacións sindicais á Mesa Sectorial do Ensino non Universitario, e considera que estas son as canles establecidas para a negociación e para que estas organizacións fagan as súas contribucións ao ensino público galego.
É necesario recordar que a modificación do horario lectivo, que motivou o referendo de hoxe, garante a viabilidade do sistema e supón un exercicio de responsabilidade por parte da Consellería, consciente de que Galicia non podía permitirse ter a xornada lectiva máis baixa do Estado. Así mesmo, esta medida permite dispor de 60.000 horas máis de docencia semanais para destinalas a atender ás rapazas e rapaces con necesidades específicas de atención educativa, o que redundará nunha atención moito máis personalizada.
Deste xeito, e a pesares da actual situación de crise, a Consellería demostra a súa aposta polo ensino público de calidade, tamén a través do impulso de iniciativas ambiciosas como o Proxecto Abalar, o Plan de Potenciación das Linguas Estranxeiras, ou a estratexia de fomento e posta en valor da Formación Profesional.
Ademais, o departamento educativo da Xunta considera fundamental que todos os axentes sociais – pais, profesores, Administración e sindicatos- traballen de forma conxunta a prol da mellora da calidade educativa en Galicia.