O CONCELLO INICIA MAÑÁ UNHA CAMPAÑA DE SENSIBILIZACIÓN SOBRE A RECICLAXE. PATRICIA LÓPEZ EXPLICA QUE CHEGARÁ A TODA A POBOACIÓN.
Burela, 18 de outubro de 2011. O Concello iniciará mañá, 19 de outubro, unha campaña de sensibilización sobre a reciclaxe. Está organizada pola Concellería de Medio Ambiente, que dirixe Patricia López, e levaráse adiante en establecementos comerciais, centros de ensino, edificios públicos e tamén nos fogares.
A edil de Medio Ambiente sinalou que “é importante concienciar á poboación na reciclaxe do lixo, todos debemos saber qué é o que temos que depositar en cada contenedor que atopamos pola rúa. Hai tempo que non se realizaba unha campaña deste tipo en Burela e por iso pensamos en facela agora. Para levala adiante imos empregar material que estaba no Concello e que non fora repartido no seu momento”.
López Eijo indicou que “imos repartir a partires de mañá carteis polos establecementos comerciais da vila, polos colexios e institutos e polos edificios públicos. Neses carteis explícase de xeito moi visual o que se debe depositar en cada contenedor, no verde, no amarelo e no azul”.
Esta campaña, que da comezo mañá, tamén chegará aos fogares de Burela. A concelleira popular contou que “se van repartir porta a porta uns dípticos onde se explica de xeito máis detallado cómo reciclar”.