Nota de prensa
A CIG ENSINO ANIMA AO PROFESORADO DA MARIÑA A MOBILIZARSE EN CONTRA DOS RECORTES EN EDUCACIÓN E EN DEFENSA DO ENSINO PÚBLICO
“Mañá, día 11, haberá concentracións no recreo en todos os centros da Mariña”
Ribadeo, 10 de outubro de 2011.- A CIG Ensino anima a todo o profesorado da Mariña a mobilizarse en contra os recortes en educación que está levando a cabo a Consellaría e en defensa dun ensino público e de calidade.
Este curso escolar iniciouse cun recorte drástico no ensino público, recorte que afectou, en primeiro lugar, á dotación de persoal docente nos centros escolares. Se se consideran as diferentes etapas educativas reducíronse máis de 1.000 postos de traballo, é dicir, 1.000 profesores e profesoras menos que o curso pasado, malia o incremento do alumnado. Na Mariña estímase que foron 18 profesores menos que o curso pasado (12 en Secundaria), cando o curso pasado xa se perderán máis de 20 postos de traballo. Esta redución ven da aplicación por parte da Consellaría de Educación dun incremento horario a todo o profesorado, da modificación dos cadros de persoal dos centros, do aumento da impartición de afíns en Secundaria e Bacharelato, da imposición de agrupar alumnos e alumnas por aula en Infantil e Primaria (20 se son do mesmo ciclo e diferente idade e 17 se son de diferente idade e distinto ciclo) e 30 en Secundaria. As ratios vénse superadas porque o alumnado repetidor non computa e porque a inspección educativa, unha vez iniciado o curso, pode obrigar a matricular máis alumnos/as. Nótase a falta de profesorado especialista en necesidades educativas especiais (AL e PT) e tamén que cada vez máis profesorado ten que compartir centros. Ademais pechouse a escola unitaria de Vilaronte, a última que quedaba na Mariña.
Por outro lado, a Consellaría de Educación anunciou un novo recorte nos orzamentos deste ano de 8,7 millóns de euros no ensino público ao que lle hai que engadir o recorte de 6,7 millóns cando foron aprobados, é dicir, 15,4 millóns de euros menos que o ano pasado. Mentres, o ensino privado percibe 250 millóns de euros, incrementa os concertos educativos, outorgáselles a ampliación de unidades e de ciclos formativos,…
Por este motivo, a CIG fai un chamamento ao profesorado, tanto de Primaria como de Secundaria, a apoiar as medidas reivindicativas e mobilizadoras acordadas por todos os sindicatos do sector para este mes de outubro. As medidas concrétanse en poñer en todos os centros pancartas con lemas en defensa do ensino público, convocar as ANPAS dos centros para explicarlles o conflito e promover accións conxuntas en defensa da educación dos seus fillos e fillas, concentrarse nos centros o martes día 11 na hora do recreo e unha Concentración Comarcal o día 18 de outubro en Foz.
Así mesmo a CIG fará un referendo nos centros o 25 de outubro para facer visible a opinión do profesorado contra dos recortes, da ampliación do horario e da imposición de funcións que non lle son propias como a da custodia do alumnado transportado.