16 000 €? Máis ben 160 000 €! (e pico)
A conta desto último, da reposición, o alcalde leva citado varias veces un orzamento orientativo de 16 000 €, a última segundo a prensa hai un par de días cando esto escribo. Dende a asociación botamos as nosas contas e non nos saen. A falta de datos sobre custe inicial das vidrieiras hai cousa de oitenta anos, e doutros moitos datos que nos farían falla para facer un cálculo de base histórica, ou da disposición dos anacos para as consultas pertinentes a especialistas, só se poden facer algunhas contas indicativas. Pero iso si, contas, non contos.
Son oito vidrieiras as afectadas (os rosetóns non pasaron polo calvario), cada unha cunhas 600 pezas. E cada peza, cun tratamento particular, podemos especular que non saería nunha tenda actual a menos de 30 € de media (para pezas únicas ou de tirada moi limitada, non parece excesivo…). Ó anterior, habería que engadirlle non só a montaxe da propia vidrieira, senón tamén a colocación, pero sobre todo, o redeseño de cada unha das pezas e da vidrieira enteira. Se se botan contas, deixando a parte todo o tratamento citado, isto é, tendo só en conta o valor de fabricación das pezas, saen 8 x 600 x 30 = 146 000 €. Ou sexa, que, sen os cuantiosos ‘flecos’ que quedan a unha beira, unha estimación de custo implicaría unhas dez veces máis cartos que a cantidade da que fala o sr. Alcalde. Ou, o que sería semellante, habería que baixar o custo por anaco ata 3 € para facer as contas anunciadas por el. Onde están esas gangas?
Quizáis non sobre o dicir que ‘unhas vidrieiras’ seguramente se podan conseguir aínda por menos da cifra que propón o rexedor (de feito, coido que se manexaba unha segunda cifra uns 2 000 € inferior), pero trátase de facer unha reposición, non un engano. Así pois, para que serían eses 16 000 €?
De calquera xeito, e con ser moi importante, hai que lembrar que non se trata tanto ou só diso, da reposición, senón de mirar cara ó futuro e evitar outros males semellantes. Trátase de que ‘quen as fixo, as pague’, si, pero iso só serve para unha vez, co que non sería abondo cara á prevención. Niso, na prevención, está o que os feitos non se repitan, pero é algo que parece estar aínda lonxe. Mentras, o que se leva dito nas intervencións do alcalde para aclarar os feitos non aclara moito; é máis, quizáis sen pretendelo deixa polo camiño un mar de dúbidas polas lagoas de acción, comunicación ou resultados que van quedando. Algo que dun xeito ou outro afecta ou debera afectar a tódolos electos na corporación.
Antonio Gregorio Montes