Site icon Crónica3.com A Mariña

Servizos Sociais de Burela organiza a actividade “Dalle vida aos teus anos” co fin de mellorar o envellecemento

Nota de prensa
ATA O 22 DE SETEMBRO ESTÁ ABERTO O PRAZO DE INSCRICIÓN NO PROGRAMA DALLE VIDA AOS TEUS ANOS, QUE SE DESENVOLVERÁ EN BURELA AO LONGO DOS VINDEIROS MESES.

Burela, 5 de setembro de 2011. Hoxe ábrese o prazo de inscrición para participar no programa de estimulación cognitiva e prevención da dependencia Dalle vida aos teus anos, que se desenvolverá en Burela ao longo dos vindeiros meses.

A Concellería de Servizos Sociais, Muller, Igualdade e Sanidade do Concello de Burela informa que a inscrición en dito programa poderá realizarse do 5 ao 22 de setembro de 2011 nas Oficinas de Información da Casa do Concello. O curso, de carácter gratuíto, impartirase os martes e xoves polas tardes, concretamente entre o 4 de outubro ao 22 de decembro de 2011, no salón de actos da residencia da terceira idade de Burela.

A concelleira Diana Durán explica que “con este programa o que se pretende é traballar as variables que determinan o envellecemento exitoso, de forma que incidindo nelas, as persoas adquiran as ferramentas necesarias para mellorar a súa calidade de vida, ser autónomas nas actividades da vida diaria e incorporar unha serie de hábitos de autocoidado, tanto no ámbito sanitario como no cognitivo”.

O obradoiro, dirixido a persoas maiores de 65 anos, buscará o tratamento da persoa maior como un todo no que se traballarán as distintas áreas que son necesarias para manterse autónomo/a o maior tempo posible e diminuír os factores de risco de padecer certas enfermidades. Neste contexto, Durán afirma que “a intervención con maiores convértese non só nun obxectivo social, senón nunha inversión de futuro. O fin último é previr a dependencia e afrontar o envellecemento dende unha actitude positiva e aberta”.

Exit mobile version