Site icon Crónica3.com A Mariña

Praza dos Campos, corazón de San Cibrao

Praza dos Campos, corazón de San Ciprián

Aqueles que nas últimas semanas e meses tiveran a oportunidade de visitar San Ciprián puideron comprobar a transformación en positivo que esta localidade acadou con motivo da apertura da nova praza dos Campos. A recuperación deste espazo céntrico, cen por cen público e libre de edificacións, probablemente constitúe un dos principais avances urbanísticos acadado na Península da Paz, tal e como acredita a boa acollida que dela fixeron veciños e visitantes.

Só fixando a nosa mirada no pasado mes de agosto, é posible afirmar que a nova praza acadou un relevante protagonismo. Ateigada de rapaces, pais, nais e avós, foi o principal espazo de encontro da veciñanza. A praza converteuse nun punto neurálxico das principais celebracións locais: nas Festas do Carme, na Maruxaina, na Festa do Marisco, e de cada unha das actividades lúdico-deportivas de verán, acreditando o acertado de dispoñer dos máis de 6.000 metros cadrados de superficie, en pleno centro, ao servizo do pobo.

Sen lugar a dúbidas a praza dos Campos é un dos proxectos que provoca maior satisfacción persoal e política a aqueles que desde o primeiro momento defendemos a súa posta en marcha. A aqueles que buscamos, negociamos e impulsamos os apoios necesarios para a súa apertura e financiamento. Naceu ademais como froito da cooperación entre distintas administracións, reflexo dunha xestión moi acertada nos tempos que corren, posto que ao contar co apoio da Xunta, non supuxo custe algún para as arcas municipais.

A nova praza dos Campos é todo un éxito, claro que si. Un éxito que reflicte o compromiso dun pobo e dun goberno que aposta polo futuro. Que defende o impulso de novas infraestruturas, capaces de xerar actividade económica, capaces de revolucionar desde o punto de vista dos servizos, do incremento do valor e desde o punto de vista social.

Fixemos posible o vello sono de devolver aos netos e aos fillos os espazos que tiñan os avós e os pais, recuperando a fisionomía de San Ciprián que hoxe máis que nunca mira ao mar, ás súas praias e paisaxes. Debemos felicitarnos polo éxito acadado por este ambicioso proxecto colectivo. Hoxe están a ser o conxunto dos veciños os que converten á nova praza dos Campos, ninguén o dubida, no corazón de San Ciprián.

Jose Manuel Balseiro Orol

Secretario do Parlamento de Galicia

Exit mobile version