Nota de prensa
O PP de Mondoñedo pedirá a celebración dun pleno extraordinario para coñecer a situación contable local
* Dende a agrupación local tamén estudan a posibilidade de solicitar a creación dunha Xunta de Compras
* O PP local pide “transparencia e firmeza” de cara aos veciños na xestión contable do Concello
Mondoñedo, a 3 de setembro do 2011. O Partido Popular de Mondoñedo, cun número de concelleiros suficientes, pedirá a celebración dun pleno extraordinario para coñecer o estado da contabilidade do consistorio local.
Dende o grupo do PP local, ven imprescindible aclarar a situación das contas do Concello aos veciños tras as últimas novas coñecidas a través dos medios de comunicación e tendo en conta o contraste que esta información sobre a crítica situación financeira ao borde da quebra económica supón coa última contabilidade presentada (2009) que arroxaba un remanente de tesourería superior aos dous millóns de euros.
Con esta situación de dificultade de liquidez incluso para facerlle fronte a pagos como son as nóminas, “non gaña ninguén”, acordan en asegurar dende o grupo dos populares locais. Dado isto, o PP de Mondoñedo esixe a clarificación da situación tras o encargo por parte do goberno local da realización da contabilidade a unha empresa externa que lle supuxo importantes custes ao Concello e que a día de hoxe non reflexa a situación contable das arcas municipais.
Así mesmo, dende a agrupación popular tamén esixen explicacións ao rexedor local trala presentación de tres reparos por parte da secretaria de intervención que advirten da situación municipal, ademais de ter en conta que Mondoñedo non recibirá os tributos correspondentes do Estado por non ter presentado a contabilidade do 2010.
A preocupación que transmite o alcalde mindoniense, segundo o PP, é a de garantir o pago das nóminas, algo prioritario para os populares pero tamén lle recordan que “moitas outras familias viven dos pagos do Concello como poden ser os provedores, que non cobran as súas facturas”.
Para o grupo popular a transparencia na contabilidade é unha “obrigación”, e aseguran “entender un retraso pero o que non entendemos é que se solicite a unha empresa externa a actualización contable que finalmente non reflexa a situación real do concello”.
Dada esta situación, dende o grupo Popular non descartan a posibilidade de esixir e creación dunha Xunta de Compras. Trátase dun órgano que permitirá ao goberno popular participar e ser coñecedor da situación contable, coa fin de actuar con “firmeza e transparencia”.