Nota de prensa:
O voceiro popular, Pedro Puy, considera “razoable” que os tres grupos “busquemos un acordo que satisfaga as demandas e garantice a transparencia” sobre a publicación do patrimonio dos deputados
O GRUPO POPULAR COMPARTE A DECISIÓN DA MESA DE RETIRAR A ASIGNACIÓN INDIVIDUAL DOS VEHÍCULOS QUE ESTABAN A DISPOSICIÓN DOS MEMBROS DESTE ÓRGANO
A orde do día do Pleno da vindeira semana inclúe a aprobación da Lei do Patrimonio da Comunidade galega, a comparecencia do conselleiro de Medio Rural sobre a campaña de incendios forestais e o debate de dúas PNL presentadas polo Grupo Popular sobre alta tecnoloxía nos hospitais e a creación de microáreas empresariais
Santiago, 20 de setembro de 2011.- O voceiro do Grupo Parlamentario Popular, Pedro Puy, afirmou hoxe que “compartimos” a decisión tomada pola Mesa da Cámara en relación á retirada a asignación individual dos vehículos que estaban á disposición dos membros deste organo, a excepción da súa presidenta. Así mesmo, considerou “razoable que falemos entre todos os grupos parlamentarios para buscar un punto de acordo que satisfaga as demandas e garantice a transparencia” sobre a publicación do patrimonio dos deputados galegos.
Pedro Puy compareceu ante os medios unha vez celebrada a Xunta de Voceiros e anunciou que no vindeiro Pleno do Parlamento abordarase a aprobación da Lei do Patrimonio da Comunidade galega, unha norma que “contribuirá a racionalizar o uso dos bens públicos, que facía falta actualizar despois de varias décadas e que se enmarca nas liña de racionalización do uso dos cartos e os bens a disposición da comunidade autónoma”.
Así mesmo, o voceiro anunciou a comparecencia ante o Pleno do conselleiro de Medio Rural para facer un balance da campaña de incendios forestais e o debate de dúas proposicións non de lei a proposta do Grupo Popular: unha sobre a implantación dun modelo de xestión que permita renovar a alta tecnoloxía dos centros hospitalarios galegos e outra sobre a creación de mocroáreas empresariais “que permitan axustar a oferta de solo industrial á demanda existente”.
Por último, o Grupo Popular incorporou tres preguntas para a súa resposta oral polo Goberno galego: unha, sobre as xestións da Xunta para arranxar os problemas dos sistemas de cobro das autovías lusas; outra, sobre a construción do novo edificio xudicial na zona da Parda en Pontevedra; e a última, sobre a incidencia dunha nova carteira de servizos na mellora da promoción da autonomía persoal e da atención á dependencia.
RACIONALIZAR O USO DOS AUTOMÓBILES
Pedro Puy referiuse, a continuación, á iniciativa da Mesa do Parlamento para a retirada da asignación persoal dos vehículos aos membros deste órgano e amosou a satisfacción do Grupo Popular porque “os grupos da oposición non só estean agora de acordo con este tipo de medidas de austeridade, senón que ademais fagan suxerencias de mellora”.
Neste sentido, sinalou que o Grupo Popular “saudou e aplaudiu” a medida adoptada pola Mesa do Parlamento porque “compartimos a decisión de racionalizar o uso dos automóbiles que están a disposición da Cámara” e anotou que esta iniciativa “súmase ás medidas de aforro adoptadas neste Parlamento ao longo da presente lexislatura, que xa supuxeron un aforro de 1,7 millóns de euros e que situou o orzamento deste ano nas mesmas cifras que no ano 2006”.
Pedro Puy recordou que “estas medidas de racionalización do parque móbil tamén se están levando a cabo na Xunta de Galicia, que supón 1,3 millóns de euros logo de reducir un 40 por cento no número de automóbiles e baixar os gastos de peaxes, combustible, reparacións ou vestiario”. “Só hai que ver a gama de coches que utiliza o actual Goberno galego para ver onde reside o aforro ou a redución en 59 do número de coches oficiais que están a ser utilizados”, concretou.
TRANSPARENCIA E GARANTÍAS
Respecto á publicación do patrimonio dos deputados, o voceiro popular recordou que este “xa está suxeito a controis” por parte dos órganos do Parlamento, “coa obriga da custodia e a non difusión do seu contido” segundo se recolle no propio regulamento.
Sen embargo, Puy apuntou que “o razoable é que, do mesmo xeito que no seu día a normativa vixente fíxose por acordo entre os grupos tendo en conta que a incidencia destas decisións teñen moito que ver coa esfera privada dos deputados, falemos entre todos desta cuestión para buscar un punto no que se satisfagan as demandas que hai de maior transparencia por parte dos cargos públicos e haxa garantías de que eso sexa útil socialmente en relación á información que se aporta, mesmo preservando dereitos persoales e incluso a seguridade propia dos membros da Cámara”.