Site icon Crónica3.com A Mariña

O padre Silva en Foz


O PADRE SILVA EN FOZ

O venres pasado finaba en Ourense Jesús C. Silva Méndez, o tan coñecido Padre Silva, promotor e fundador, en 1956, da Ciudad de los Muchachos e da súa universal e famosa Escola de Circo, creada dez anos despois. A cidade de Benposta, así se chamaba, tiña como obxectivo acoller e axudar ós xoves que sufrían problemas de diversa índole, principalmente de pobreza e marxinación social. labor que estendeu a outros países. En pleno franquismo era aquela unha república democrática, onde non existía a propiedade privada, que contaba con organización propia, con alcalde elixido polos seus habitantes e mesmo moeda (coroas) Que nós saibamos só nunha ocasión visitou Foz o Padre Silva. Foi o ano 1973. Este cronista afanábase na organización da II Feira de Arte Popular (coñeceu 3 edicións), aquel exitoso certame, pioneiro en Galicia cos artesáns traballando á vista do público. Coñecedores da existencia de artesáns naquel Centro e por medio de Daniel Hortas, entón director de Radio Popular en Ourense, amigo do cura Silva, viaxamos alá. Tivemos unha entrevista con el e, de resultas, unha auténtica embaixada daquela Cidade, formada por alfareiros, zoqueiros, impresores, forxadores do ferro, cesteiros, coiro repuxado… e mesmo unha oficina para o troque de coroas por pesetas, acudiron á feira focega. A presenza destes rapaces espertaran curiosidade e simpatía, e un día da feira (celebrárase do 4 ao 12 de agosto) achegárase á nosa vila o Padre Silva. Nunca mais volveu, pero nós si o visitamos outras veces na súa cidade.

A creación por Xesús Silva da Escola do Circo non foi algo casual. El levaba no sangue o amor ó mundo circense: o seu bisavó, Manuel Feijoo, fora o fundador dos famosos circos Price de Madrid.

A asistenza dos mozos de Benposta coa sección de artesanía foi episodio inesquecible na breve historia da Feira de Arte Popular de Foz.

Digamos, como anécdota, que o día que estivemos a visitar ó Padre Silva, cuxo labor que alí se desenvolvía nos impresionou , celebrábase pola noite o Festival da Canción do Miño no Pazo dos Deportes ourensá, e alí presenzamos a actuación dos participantes; entre eles o que aquel ano fora o gañador: un xove mariñeiro de Moaña que se fixo moi popular, Xil Ríos.

Suso Fernández

Exit mobile version