Nota de prensa:
O BNG DEFENDE EN FOZ UNHA POLÍTICA ECONÓMICA DIFERENTE Á LEVADA A CABO POLO PP E O PSOE
Mañá terá lugar un acto público, ás 8.30 da noite na Casa da Cultura de Foz, onde o BNG exporá as súas alternativas económicas a unhas políticas do PP e PSOE que non logran combater a crise
O acto contará coa presenza de Carlos Aymerich, portavoz do BNG no Parlamento, e Xan Carlos Basanta, portavoz do BNG en Foz
Foz, 20 de setembro de 2011. O BNG está a realizar por todo o país unha xeira de actos públicos para trasladar á cidadanía e contrastar con ela as consecuencias da crise e as posíbeis alternativas a ela que se poden adoptar desde os poderes públicos.
Por este motivo, mañá mércores día 21 de setembro terá lugar un acto público, ás 8.30 da noite na Casa da Cultura de Foz, onde o BNG exporá as súas alternativas económicas a unhas políticas do PP e PSOE que non logran combater a crise e aínda fan afondar máis se cabe nela. Ademais, os membros do BNG exporán aos veciños e veciñas da Mariña as consecuencias que para os galegos e galegas vai traer consigo a reforma da Constitución cociñada entre o PP e o PSOE, xa que é unha reforma que afecta negativamente a Galiza porque Galiza -con pensións e salarios máis baixos, cun ritmo de destrución de emprego superior ao do Estado- é especialmente vulnerábel á política dos recortes, ademais de porque viola o noso dereito ao autogoberno, ao limitar a capacidade do noso país para intervir na economía nun sentido positivo.
O acto contará coa presenza de Carlos Aymerich, deputado do BNG no Parlamento galego e Xan Carlos Basanta, portavoz do BNG en Foz, quen defenderán as alternativas que o BNG pon enriba da mesa, que van encamiñadas a defender os nosos sectores produtivos: aos produtores dos sectores agrario e forestal, ao sector `pesqueiro, ao pequeno comercio local, aos autónomos ou a pequena e mediana empresa, etc, que son os que xeran riqueza e postos de traballo no noso país e axudan a manter poboación.
Neste acto o portavoz parlamentar do BNG defendeu a necesidade de ter unha forza coma o BNG a traballar no Congreso dos Deputados en Madrid, xa que é o único garante de levar a cabo políticas verdadeiramente de esquerdas, a favor do pobo e non dos mercados, e é unha aposta pola única forza política galega que leva os problemas de Galiza ao Parlamento do Estado. Antes de 1996, momento en que o BNG obtivo representación no Congreso, Galiza non existía nas Cortes Xerais do Estado. Nin PSOE nin PP trataban os seus problemas. Todo mudou coa chegada do BNG. Galiza apareceu por fin na axenda política e nela continúa.