Nota de prensa
O BNG DE FOZ APOIA A MANIFESTACIÓN EN CONTRA DA SUPRESIÓN DA AMBULANCIA E DO MÉDICO DE URXENCIAS
Basanta reitera que “o PP volve a castigar a Foz novamente de forma inxustificada”
Foz a 1 de setembro de 2011.- O BNG mostra o seu apoio á concentración convocada pola Comisión Focega en Defensa da Sanidade para este sábado en contra da decisión da Xunta de Galiza de suprimir o servizo de noite da ambulancia asistencial do 061 que ten a súa base en Foz e a modificación do actual servizo de urxencias polas tardes do Centro de Saúde.
Con esta decisión, o PP na Xunta volve novamente a castigar a Foz, suprimindo un servizo asistencial fundamental como o da ambulancia e deixando a Foz –xunto con Barreiros e O Valadouro- sen unha cobertura sanitaria básica. Basta recordar o trato discriminatorio que o PP na Xunta tivo con Foz á hora de deixalo sen Punto de Atención Continuada, a negativa de implantar as urxencias médicas ou a máis recente oposición de construír un Centro de Día e unha Residencia de Terceira Idade. “¿Que ten o PP contra Foz ao actuar desta maneira? ¿Porque mentres noutros concellos non hai recortes e incluso se amplia a asistencia social e sanitaria en Foz todo o contrario?” preguntámonos os veciños de Foz.
Ademais disto, e por se fora pouco, agora anunciase que tamén se retoca o servizo de urxencias das tardes que cubría unha médica e unha enfermeira. Está claro que o servizo vai a quedar tocado posto que o médico de cupo non poderá atender da mesma maneira aos pacientes que se lle presenten. En Foz xa sabemos de primeira man cales son as solucións do PP contra a crise: eliminar servizos públicos, asistenciais e sanitarios, mentres eles seguen mal gastando en propaganda e concertando servizos con empresas privadas.
Para o BNG, coa eliminación destes dous servizos a calidade asistencial do noso Concello vaise ver gravemente diminuída e as consecuencias poden ser irreparables. Entre outras cousas porque no caso que se produza un accidente grave no noso concello e a ambulancia medicalizada non estea operativa, os tempos de intervención van a ser moito máis longos, co perigo que isto conleva para a saúde do accidentado pois terá que acudir outra ambulancia de fóra do Concello de Foz. Estamos a falar de vinte ou trinta minutos de diferencia de chegada ao lugar do accidente.
Se ben estas medidas son incomprensibles desde un punto de vista asistencial por parte da Xunta, máis preocupante é a actitude do rexedor municipal que de maneira servil deu por boas as medidas tomadas, situándose ao lado da Consellaría e poñéndose en contra dos intereses de todos e todas as veciñas de Foz. ¿Como pode un alcalde dicir que sae contento das reunións coa Consellaría cando lle quitan a Foz dous servizos tan básicos como a ambulancia asistencial e o médico de urxencias? ¿Que intereses está a defender o alcalde de Foz: os do partido ou os dos veciños que representa? ¿Que méritos ten que facer ou que favores consentir para ter este comportamento tan sumiso? Estas son preguntas que están aínda sen contestar.