Site icon Crónica3.com A Mariña

O BNG da Pontenova acusa ao alcalde socialista de antidemocrático por negarlle o acceso ao rexistro xeral do Concello

Nota de prensa

O BNG ACUSA AO ALCALDE DA PONTENOVA DE ACTITUDE ANTIDEMOCRÁTICA AO NEGARLLE O ACCESO AO REXISTRO XERAL DO CONCELLO

Mónica Rancaño lamenta que o alcalde se escude na Lei de Protección de Datos que nese caso estarían incumprindo a maioría dos concellos do país

Os nacionalistas denuncian que se lles oculta información esencial para o seu traballo político

A Pontenova, 2 de setembro de 2011. O BNG da Pontenova por medio da portavoz municipal, Mónica Rancaño Freire, denunciou a “actitude antidemocrática do alcalde que nega o acceso ao rexistro xeral do concello ocultando deste xeito información esencial para o noso traballo político” . Segundo a nacionalista “é unha vergoña que A Pontenova sexa noticia por cousas como esta, que xa deberían estar superadas”, mais, “non nos quedou outra opción que facelo público despois de reclamar esta información reiteradamente tanto por escrito como de forma oral”.

A Pontenova é o único concello da Mariña onde o goberno local nega o acceso regular ao rexistro xeral municipal.

O BNG da Pontenova por medio da súa concelleira e portavoz municipal, Mónica Rancaño Freire, denunciou que levan intentando que se lles permita o acceso regular ao rexistro xeral municipal dende o pasado 15 de xuño, “presentando peticións por escrito e orais que sempre teñen a mesma resposta negativa”, segundo Mónica Rancaño, “o alcalde escúdase detrás do secretario municipal que emite informes negativos amparándose na Lei de Protección de Datos” e se isto é así, “ou o alcalde se equivoca ou o fan a maioría dos concellos da comarca e do país que si permiten a consulta desta documentación, incluso a obtención de copias”.

Mais de dous meses sen acceso a unha información esencial para o noso traballo político

A portavoz municipal nacionalista concretou que a primeira solicitude por escrito fíxose o 15 de xuño e reiterouse nomes de xullo obtendo a mesma resposta negativa, ademais trasladouse de xeito oral co mesmo resultado. Rancaño acusou ao alcalde pontenovés de “tratar de ocultar información que é esencial para o noso traballo político xa que este rexistro contén información de asuntos en tramitación ou peticións dos propios veciños que temos dereito a coñecer”. Segundo Rancaño, “a nosa obriga como integrantes da corporación municipal é fiscalizar e controlar ao goberno e o alcalde estanos impedindo o dereito democrático de facelo así como ao conxunto dos veciños e veciñas que nos votaron”.

Os nacionalistas non descartan acudir a instancias superiores de persistir o alcalde na súa actitude.

A nacionalista advertiu que si o alcalde persiste na súa actitude antidemocrática non descartan acudir a instancias superiores para corrixir esta situación, Rancaño afirmou que “o alcalde sabe perfectamente o que nos están negando e faino consciente de que isto dificulta o noso traballo”, para a nacionalista “a actitude do alcalde retórnanos a tempos pasados xa superados por fortuna e non imos permitir que nos recorten os nosos dereitos democráticos.”

Exit mobile version