Site icon Crónica3.com A Mariña

Cervo posúe unhas contas saneadas “por unha política de austeridade”

Nota de prensa:

O CONCELLO DE CERVO MELLOROU O SEU REMANENTE DE TESOURERÍA EN 1,7 MILLÓNS DE EUROS NOS TRES ÚLTIMOS ANOS

Cervo, 3 de setembro de 2011.- Pese á crise e o descenso dos ingresos, o  Concello de Cervo mellorou o seu Remanente de Tesorería en 1.694.654,35 euros nos últimos tres anos, segundo anunciaron o alcalde de Cervo, Alfonso Villares, e a concelleira de Economía e Facenda, Tania González, durante unha comparecencia cos medios de comunicación na que deron a coñecer as principais magnitudes da Conta Xeral do Concello de Cervo do exercicio 2010.

Os responsables municipais destacaron que entre os anos 2008-2010 o Concello logrou pasar dun saldo negativo de 1.677.614,9 euros no seu Remanente de Tesourería, aos 17.044,45 euros positivos, “o que supón unha mellora do 101% nos tres últimos anos” recalcou o rexedor local. Neste senso o alcalde lembrou que o Remanente de Tesourería é un saldo que permite coñecer, ao final do exercicio, a solvencia ou capacidade económica que ten una administración para afrontar as súas débedas. Para elo se cuantifican, por un lado, os fondos líquidos da institución (diñeiro en caixa e bancos) máis os dereitos recoñecidos pendente de cobro, restando a todo elo as obrigas que están pendentes de pago e os saldos de dubidoso cobro. “Trátase pois, dunha cifra moi importante, porque nela aglutinase o resultado orzamentario de todo o exercicio” dixo Villares, quen explicou que esta mellora das contas municipais débese “a un estrito control do gasto e ao plan de saneamento económico-financeiro que puxemos en marcha hai tres anos para lograr pasar dunha situación moi negativa como era aquela a unha timidamente positiva, como é a que temos actualmente”.

CONCEPTO/ANO 2008 2009 2010
Remanente de Tesourería para Gastos Xerais (RTGX) -1.677.614,9 € -247.223,06 € +17.044,45 €

Outra das magnitudes da Conta Xeral de 2010 destacada polos responsables cervenses foi a referida ao Resultado Orzamentario Axustado (ROA). Segundo explicou a edil de Facenda, esta magnitude reflicte a diferencia entre os dereitos recoñecidos netos e as obrigas recoñecidas netas derivadas da liquidación do exercicio e soamente recolle o que aconteceu ao longo do exercicio; sen ter en conta o de anualidades pechadas. Neste senso Tania González indicou que no ano 2010 a Conta Xeral do Concello de Cervo arroxa un Resultado Orzamentario Axustado positivo de 509.115,45 euros, “é dicir, que no ano 2010 gastamos medio millón de euros menos do que ingresamos”.

Estabilidade Orzamentaria

Por outra banda, os membros do equipo de Goberno cervense salientaron tamén outras cifras da Conta Xeral, coma os 633.458,85 euros recollidos no seu apartado de Estabilidade Orzamentaria. “É dicir, actualmente o Concello dispón de capacidade suficiente para facer fronte aos gastos de natureza non financeira sen necesidade de acudir a operacións de crédito” recalcaron os responsables locais.

O Estado deberá ingresar 36.346 euros ás arcas municipais

O alcalde destacou tamén que o Estado deberá ingresarlle ao Concello 36.346,28€ como consecuencia do defecto de previsión efectuada polo Ministerio de Economía e facenda en relación á participación nos Tributos do Estado do ano 2009. “En contra do que acontece na gran maioría de Concellos, e tamén nas Deputacións, Cervo é un dos poucos municipios galegos que non está obrigado a devolver ningún carto ao Estado debido ás súas erradas previsións no reparto dos Tributos de 2009; se non que, aínda por riba, o Ministerio de Economía deberá transferirnos máis de seis millóns das antigas pesetas por ter feito un cálculo aínda peor para os intereses de Cervo”.

A Conta Xeral presentarase en tempo e forma

Os responsables municipais adiantaron que o Concello ten previsto presentar antes do 15 de outubro a Conta Xeral do 2010 diante do Tribunal de Contas “e polo tanto, farémolo en tempo e forma, tal e como obriga a lei”  incidiu Tania González, responsable da área económica municipal.

Os deberes feitos

Para Alfonso Villares e Tania González, os datos económicos da Conta Xeral de 2010 amosan que o Concello de Cervo “está facendo ben os seus deberes en materia económica”, aínda que non se pode baixar a garda. “Seguiremos traballando nesta liña para continuar mellorando a economía do noso concello”.

Con respecto ás criticas do BNG sobre a situación económica municipal, os responsables locais limitáronse a felicitar ao seu único concelleiro na corporación por ser contratado “novamente a dedo” como cargo de confianza para desenvolver tarefas relacionadas na área de Cultura do ente provincial. “Felicitamos ao señor Estúa polo soldo que vai cobrar das arcas públicas e porque vemos que o seu partido lle premia os 294 votos acadados por el nas últimas eleccións municipais” dixo o alcalde.

Exit mobile version