Nota de prensa
COMEZAN AS OBRAS DE MELLORA EN VARIAS RÚAS DO NÚCLEO DE CERVO
Investirase preto de 40.000 euros na mellora do firme das rúas do Muíño da Feira, as Lobeiras e na rúa da Igrexa.
Segundo indicou o rexedor local, o grupo de Goberno cervense viu necesario programar a mellora do asfalto destas vías locais aló polo mes de marzo. “Daquela solicitamos unha axuda á Xunta de Galicia que nos foi concedida recentemente, e por iso o inicio agora destes traballos” dixo Villares.
O alcalde lembrou tamén que nos pasados meses estas zonas do burgo de Cervo foron tamén melloradas coa renovación das súas canalizacións de abastecemento de auga e saneamento, ademais do soterramento da liña de subministro eléctrico. “Despois de acometer todas as obras de mellora de subministro de infraestruturas básicas nestas rúas, agora damos o último paso e renovamos o seu firme” indicou o mandatario local, quen aproveitou tamén para agradecer á Xunta de Galicia a axuda económica concedida para este fin, ao tempo que se comprometeu en nome do equipo de Goberno local “a seguir traballando para conseguir máis obras e servizos para os nosos veciños”.
O orzamento das obras de mellora do firme destas rúas é de 39.600 euros e está previsto que rematen a finais da vindeira semana.